Asinado o convenio do metal da provincia de Ourense que garante condicións e unha mellora dos salarios
Este mércores, a CIG asinaba o convenio colectivo de siderometal da provincia de Ourense, logo de que o texto do preacordo fora aprobado por unanimidade na asemblea de traballadores/as celebrada o pasado luns. Dende a CIG-Industria explican que o novo marco regulador garante condicións laborais e unha mellora os salarios, ao recoller incrementos por enriba das previsións do IPC.
Deste xeito, o incremento pactado é dun 2.5% para o ano 2019 e para 2020, garantindo así unha mellora do poder adquisitivo dos traballadores e traballadoras do metal da provincia ao superar as previsións do IPC. Ademais, terá carácter retroactivo á 1 de xaneiro e incorporarase ás táboas salariais.
Xunto a isto, presérvanse materias "que para nós son intocábeis" como a xornada de luns a venres ou a antigüidade, que supón a maiores un incremento do salario base do 1.25% anual.
O secretario da CIG-Industria de Ourense, Indalecio Gómez, explica que a iniciativa da negociación partiu da central nacionalista, quen denunciou o anterior convenio en tempo e forma e formulou unha plataforma moi ambiciosa no camiño de lograr nun convenio sectorial de ámbito galego, "algo ao que a patronal se opuxo rotundamente".
Neste senso, matiza que o visto bo da CIG ao convenio "é un si crítico, xa que as nosas propostas son máis ambiciosas e seguimos defendendo a necesidade de avanzar cara a un Convenio Galego do Siderometal". Isto, subliña Gómez, "permitiríanos avanzar na homologación das condicións que hoxe teñen outros compañeiros e compañeiras no resto do país".
Sobre o desenvolvemento das conversas, indicou que o preacordo aprobado na asemblea do luns se acadou tras sete reunións da mesa de negociacións. A este respecto, considera que o conflito mantido na anterior negociación no ano 2016 "pesou na patronal, que mantivo unha posición máis dialogante, o que permitiu o actual acordo".
Finalmente, puxo en valor que por parte da CIG asistiron sete compañeiros/as de distintas empresas do sector para negociar e asinar o convenio.