A CIG-Autonómica critica que a Xunta pretenda confundir a cidadanía sobre o trato de favor dado a Villares

A central denunciou a ocultación dunha praza de veterinario para reservarlla ao exconselleiro cando non tiña dereito
Nacional - 17 Xul 2025

A CIG-Administración Autonómica critica que, nun intento de confundir a cidadanía e de terxiversar a realidade, Función Pública da Xunta de Galiza do PP conteste á denuncia sobre o trato de favor dado a Alfonso Villares con, basicamente, dúas argumentacións: que o exconselleiro estaba nunha excedencia forzosa e hai que reservarlle o posto de traballo, e que é persoal laboral indefinido non fixo e por iso ten dereito a un posto de traballo.

“Pois ben, as dúas son, como case sempre que se manifesta a Xunta en relación ao persoal público, falsas, ou o que é peor, medias verdades”, asevera a secretaria nacional da CIG-Autonómica, Zeltia Burgos.

Por unha banda, lembra que a lei indica que o persoal que estea en servizos especiais (caso do exconselleiro) terá 1 mes para solicitar a súa reincorporación. “Como dimitiu o día 5 de xuño tiña até o día 4 de xullo para reincorporarse ao posto de traballo, o cal imaxinamos que foi así e se cumpriu a lei. O concurso de traslados publicouse o día 9 de xullo, día no que xa tiña que estar incorporado, polo que como é persoal laboral indefinido non fixo,  a praza que ocupa ten que saír ao concurso de traslados”, explica Burgos.

Engade que a segunda terxiversación da Xunta de Galiza refírese á situación de Alfonso Villares como persoal laboral indefinido non fixo, “o que significa, como indica o propio termo, que non é fixo, que o seu posto ten que saír a concurso de traslados e que pode ser ocupado por calquera persoa veterinaria funcionaria de carreira”.

Este proceso, apunta, é o que seguiu a Xunta de Galiza coas prazas das 74 persoas veterinarias indefinidas non fixas, e das 2.015 persoas indefinidas non fixas da administración xeral galega. “Con todas, menos coa de Alfonso Villares”, reitera.

CIG-Autonómica rexeita este trato de favor “que ronda a prevaricación” e que a Xunta “non dubide en mentir para tapar, protexer e blindar a Alfonso Villares”.