A CIG-Autonómica denuncia fraude de lei no nomeamento da curmá de Feixóo, Eloína Núñez
A CIG-Administración Autonómica vén de denunciar irregularidades no nomeamento da curmá do expresidente da Xunta de Galiza e líder do Partido Popular, Alberte Núñez Feixóo. Afirman que utilizar a figura da comisión de servizos é unha fraude de lei xa que “é un instrumento destinado á cobertura dos postos de xeito excepcional”. Indican ademais que “non poden alegar tampouco motivos de urxencia, porque desde que se ofreceu en comisión de servizos, o 12 de xullo, até que foi concedida, o 14 de agosto, pasou máis dun mes.
Cando se soubo que Eloína Núñez pasou a desempeñar o posto de subdirectora xeral en Política Social houbo quen pensou que o seu nomeamento se publicaría no DOG despois de convocar o posto polo procedemento de libre designación. Porén, advirte a CIG-Administración Autonómica, “isto implicaría darlle publicidade ao proceso, a concorrencia de máis persoas funcionarias e que cando se resolvera saíra á luz que a curmá de Feijóo era a agraciada”.
Entende que para evitar iso “desde a Xunta deberon pensar que canto menos público fose o asunto, mellor, dado o historial de nepotismo de Feijoo, e tamén porque a xestión de Eloína Núñez ten mácula ao ser a Ayuso galega, a persoa que deseñou o protocolo para impedir que os nosos maiores nas residencias puidesen acudir aos hospitais durante a pandemia de Covid-19”.
Por iso, afirman, “decidiron colocala pola porta de atrás” e convocaron o posto en comisión de servizos o día 12 de xullo e o día 14 de agosto concedéronlla. Un dato que din que “a Xunta non o quere facer público”.
Por iso cualifican de “chafallada e falta de transparencia”, o procedemento, mais tamén que se lles negue poder coñecer quen e cantas persoas optaron a esa comisión de servizos e os criterios polo que seleccionaron a Eloína e non a outra persoa funcionaria.