A CIG-Autonómica desbloquea o teletraballo na Xunta de Galiza

Garántese a atención presencial á cidadanía

Nacional -

Co voto positivo da CIG acordase o teletraballo na Xunta de Galiza. Esta nova regulación  vén substituír a de 2013 que era pouco garantista de cara aos dereitos do persoal, residual, xa que apenas beneficiaba a letrados e grupos altos e o resto do persoal tiña grandes trabas para poder acollerse.

A covid 19 mostrou a necesidade de universalizar esta modalidade laboral, regular os dereitos e garantías para o persoal teletraballador e garantir o mantemento da calidade do servizo público.

Con este acordo conseguiuse abrir a posibilidade do teletraballo a todas as persoas que poidan realizalo. Na maior parte dos casos dun xeito case automático e no resto, onde a Xunta quería excluír colectivos e corpos e escalas enteiros, queda aberta a porta para que posto a posto, motivadamente, se poida acceder ao teletraballo.

Porén nesta segunda onda da pandemia a Xunta estaba bloqueando as solicitudes de teletraballo á espera de acordar unha nova regulación, aínda que é a medida organizativa máis axeitada para a prevención da expansión da enfermidade ao desconxestionar os centros administrativos. Ao fin, en apenas unha semana negociouse, partindo dun  primeiro texto regresivo e evolucionando cara unha regulación que mellora de xeito abondoso a anterior do 2013, que contara co aval de CCOO, UGT e CSIF e que introduce as novidades do EBEP ademais de efectivizar a desconexión dixital e a garantía do mantemento do posto e da volta ao sistema presencial.

Cambio de modelo

Estamos ante un cambio de modelo pola extensión dunha nova modalidade de traballo e pola futura aplicación do traballo por obxectivos aínda inexistente. O proceso requirirá a dixitalización dos expedientes, a redución do papel e un tempo de experimentación que pode ser positiva ou requirirá, dentro de tres anos, renegociar as condicións.

A CIG-Administración autonómica manifesta a súa preocupación pola extensión desta modalidade na clase traballadora e os efectos regresivos na individualización da relación de traballo, a perda da forza colectiva e o papel que pode ter na regresión da igualdade e a corresponsabilidade no fogar.

Por iso vai esixir que a Comisión Paritaria teña un funcionamento activo e de control/vixilante na administración publica galega

Quen pode acollerse a esta modalidade laboral

Na práctica pode acollerse todo o persoal empregado publico para o que non é imprescindible a súa presenza física no centro de traballo por razóns das súas tarefas ou funcións. Naqueles postos que combinen tarefas e oficina ou gardas por períodos, poderán teletraballar con autorización nos períodos ou xornadas en que as súas funcións o permitan.

Os dereitos do persoal teletraballador

Serán os mesmos que na modalidade presencial. Ademais regúlase o dereito á desconexión dixital do persoal teletraballador e da persoa supervisora e efectivízase coa concreción dun horario de referencia de mañá sen prexuízo de establecer outro no plan de traballo.

En todo caso conseguiuse o que para a CIG era fundamental: que a modalidade de teletraballo sexa compatible coa flexibilidade por conciliación e outras modalidades de flexibilidade laboral.

Garántese o mantemento do posto físico no centro administrativo e a persoa traballadora poderá teletraballar o 50% da xornadas en computo mensual e poderá autorizarse un tempo maior se está motivado co plan de traballo. Cando menos un día á semana acudirase ao posto físico pero non será o mesmo eliminándose o “día do contaxio” da proposta inicial.

Mantemos un Servizo Público de Calidade

Por enriba de todo garántese a atención presencial á cidadanía e nos centros administrativos como mínimo estará o 40% do persoal traballando en presenza, establecendo quendas rotatorias para as persoas teletraballadoras. Esta porcentaxe poderá ser menor nas unidades máis pequenas ou polas súas características en base ás necesidades do servizo público.

Volver