A CIG-Autonómica mobilízase contra a demora do concurso de traslados, que leva anos de atraso

Demanda a dimisión do Director Xeral de Función Pública polo recorte de dereitos ao persoal

Nacional -

Arredor de 200 persoas, entre delegadas e persoal funcionario, rodearon este martes, en manifestación, o edificio administrativo da Xunta de Galiza, en San Caetano, para exixir a dimisión do Director Xeral de Función Pública, pola demora do concurso de traslados en seis meses máis, cando leva xa dous anos de retraso. Unha dilación que é aínda máis grave no caso de corpos xerais, escalas e persoal laboral que leva, nalgúns casos,  até 12 anos sen concurso de traslados.

“É un recorte de dereitos para quen quere mellorar profesionalmente, porque se lle impide a promoción, e para quen quere trasladarse de posto ou de localidade”, denunciou a responsable da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos, no decurso da mobilización. “Temos moita xente desprazada fóra do seu fogar desde hai moitos anos, sen posibilidade de optar a un concurso”.

Mais esta non foi a única situación que se denunciou. Burgos lembrou que hai catro meses o persoal tamén se mobilizou pedindo a dimisión do Director Xeral de Función Pública, “pola falta de criterios nos procesos selectivos, de estabilización e de promoción interna”, asegurou, e como consecuencia “ERTE no persoal interino”.

Segundo a responsable da Administración Autonómica da CIG, estarían afectadas unhas 4.000 persoas polo atraso deste concurso de traslados. Cifra que ascendería a máis de 10.000 polo de concurso de traslados de corpos xerais, escalas e persoal laboral.

Paralización da carreira profesional

A paralización, segundo a CIG-Administración Autonómica, chega tamén á carreira profesional, froito dun acordo declarado ilegal e que non queren resolver incluíndo a todo o persoal. E tamén de xeito consciente ao segundo grao extraordinario que hai un ano que tiñan que ter aberto e “non o fixeron de acordo cos seus cómplices para utilizalo agora como chantaxe”, afirman.

Para máis estase a facer unha funcionarización “sen garantías”. Unha situación da que Burgos responsabilizou ao Director xeral de Función Pública por negarse a trasladar dereitos do V Convenio á Lei de Emprego Público de Galiza, que as ampliarían para todo o persoal. “Pérdense, por exemplo, o 50% de prazas reservadas a promoción interna, pero tamén se perde a posibilidade de ter un trienio mínimo de 30€ que é o que cobra hoxe o persoal laboral acollido ao V Convenio”, afirmou.

Proposta da CIG

Fronte esta situación, Zeltia Burgos lembrou as propostas feitas pola CIG no sentido de desligar os procesos selectivos do concurso de traslados para que se resolvera xa hai máis dun ano e incluír a todo o persoal no acordo da carreira profesional para que non se declarase a súa ilegalidade manifesta.

Xunto a isto demandan que se incrementenr as prazas de promoción interna e establecer que non poden quedar desertas, así como criterios claros, uniformes e acaidos ao seu fin no resto dos procesos e trasladar os dereitos do V Convenio de persoal laboral non só aos laborais que se funcionaricen, senón tamén ao resto do persoal funcionario.

Volver