A CIG-Banca anuncia unha campaña de mobilizacións contra o ERE no BBVA
A sección sindical da CIG no BBVA vén de anunciar a posta en marcha dunha campaña que inclúe un calendario de mobilizacións contra o anunciado ERE no BBVA que, segundo o publicado en prensa, afectaría a 3.000 traballadoras e traballadores da entidade. Unha filtración que consideran interesada para preparar o terreo “sobre o suposto impacto” e que “forma parte da estratexia do BBVA”.
A este respecto a sección sindical da CIG no BBVA, maioritaria en Galiza, denuncia que o banco está seguindo o mesmo guión que xa empregaron outras entidades “anuncio público; filtración interesada; unha negociación máis aparente que real pola falta de resposta sindical para chegar á sinatura dun ERE por parte do sindicalismo domesticado”.
Denuncia ademais que o obxectivo é “amedrentar ao persoal para que se vaia facendo á idea e busque unha saída individual” que polo que ocorreu noutros procesos semellantes, advirten, “non existe”.
Dixitalización á brava
A sección sindical asegura que mentres se anuncia o ERE o banco está impoñendo unha estratexia de dixitalización “á brava” que afecta á clientela, busca poder pechar centros de traballo rendíbeis e destruír milleiros de empregos “como vía de maximizar os beneficios a curto prazo.
Neste sentido denuncia que o BBVA está restrinxindo servizos á clientela desde a redución horaria dos servizos de caixa –cuestión que foi recorrida pola CIG e avalada pola xustiza- até cobrar á clientela por operar nas oficinas.
Por iso cren que o que sobra é “unha Dirección herdeira directa da anterior que puxo ao BBVA na picota” e non o persoal e adianta que “se hai despedimento, hai conflito”.
Por iso ten acordado pór en marcha desta campaña a partir do 16 de marzo para que a que “aceptariamos ir a un proceso de mobilizacións conxuntas” entendendo que “se alguén non se move” ou defende que “hai que agardar” entón “é un compinche da Dirección.