• Nova

A CIG-Banca convoca mobilizacións para reclamar un convenio colectivo digno nos centros de chamadas

As protestas comezan este martes 18 en Vigo e despois trasladaranse á Coruña, Ourense, Lugo e Santiago
Vigo - 17 Xan 2022

A federación de Banca da CIG convocou mobilizacións para reclamar un convenio digno nos centros de chamadas e rexeitar os intentos da patronal de precarizar aínda máis as condicións laborais no sector. As protestas comezan este martes en Vigo, con concentracións en Bosch e Unísono, e despois trasladaranse a A Coruña, Ourense, Lugo e Santiago.

Baixos salarios, presión e ameazas, temporalidade, dificultade para a conciliación, non pagamento dos gastos teletraballo, clasificación profesional inadecuada e obsoleta, xornada irregular ou tempo parcial son as principais problemáticas que padece o persoal dos centros de chamadas, que leva dende xaneiro de 2019 negociando o convenio colectivo estatal. Neste tempo os seus soldos permaneceron conxelados, o que sumado a que os convenios asinados anteriormente xa afondaran na precariedade provocou que a perda de poder adquisitivo fose medrando ano tras ano. 

Na primeira xornada de protestas haberá concentracións ás portas das empresas Unísono e Bosch en Vigo

Até o punto de que de térense aplicado os índices do IPC (incluso os negativos) en lugar das subas pactadas en convenio, o salario anual de teleoperador/a especialista sería hoxe de máis de 16.000 euros. “Polo que os cartos perdidos en 11 anos por mor deste convenio ascenden a máis de 10.000 euros”, denuncian dende a CIG.

Por iso na central sindical apostan por reclamar na rúa unha mellora das condicións de traballo, tendo en conta a actitude inmobilista e a falta de interese do empresariado en negociar un convenio que recoñeza o esforzo realizado polas traballadoras/es do sector durante a pandemia.

Deste xeito, fai un chamamento a participar nas mobilizacións que darán comezo este martes 18 en Vigo (diante de Bosch ás 11:15 horas e diante de Unísono ás 12:15 horas) e que continuarán o martes 25 na Coruña, o 8 de febreiro en Ourense, o 22 en Lugo e o 15 de marzo en Santiago.