A CIG baralla convocar folga no sector da axuda a domicilio para forzar a renovación do convenio, sen actualizar dende 2012

Iniciará un calendario de protestas tras a asemblea de delegadas/os que terá lugar o 11 de xaneiro
Nacional - 09 Dec 2021

A federación de Servizos da CIG baralla convocar folga indefinida no sector da axuda a domicilio a nivel galego para forzar a renovación do convenio colectivo do sector, que se atopa sen actualizar dende 2012. A central iniciará un calendario de mobilizacións tras a asemblea nacional de delegadas/os que terá lugar o vindeiro 11 de xaneiro.

Dende a CIG-Servizos lembra que a patronal disolveu a súa asociación despois da sinatura do último acordo porque pensaba que desaparecendo eliminaba o convenio galego, “ pero foi un gran erro pola súa parte xa que o convenio seguiu en vigor”. Mais en todo este tempo a parte social non logrou que o empresariado volvese asociarse para poder negociar un novo convenio, “polo que iniciaremos un calendario de mobilizacións e non descartamos convocar folga indefinida a nivel galego”. 

Neste sector son manifestas as carencias de persoal e material, a falta de protocolos homoxéneos de funcionamento, os abusos patronais e os altos niveis de explotación laboral

Con todo, dado que o convenio ten unha cláusula que expresa que se non se negocia un novo os aumentos salariais serán os que marque o IPC, as traballadoras/es puideron ir tendo unhas subidas mínimas. Hai case dous anos que a CIG mantén reunións no Consello Galego para convencer a patronal que se asocie, “cousa que vemos xa imposíbel, negándose tamén a CEG a negociar”.

Neste senso, sinalan que a crise sanitaria derivada da pandemia da covid puxo máis de manifesto ca nunca a necesidade de colocar os coidados no centros das políticas públicas, e por tanto, a urxencia de investimento público en servizos de atención ás persoas. “Evidenciouse a ineficacia da prestación de atención social e coidados por parte de empresas privadas ou mediante xestión privada e a situación de febleza dos servizos públicos de atención social e de coidados”.

Así, nos servizos de axuda no fogar ou nas residencias da terceira idade e de persoas con capacidades especiais “son manifestas as carencias de persoal e material, a falta de protocolos homoxéneos de funcionamento, os abusos patronais e os altos niveis de explotación laboral”.

Entenden que os recursos e servizos sociais de atención ás persoas teñen que deixar de ser unha actividade residual, socialmente pouco valorada e con condicións de traballo precarias, para pasar a ser considerado un servizo esencial para a cidadanía a prestar pola administración pública en condicións de calidade asistencial para as persoas e con condicións de traballo dignas e estábeis para o persoal encargado dos coidados.

Sistema público galego

Precisamente por riso a CIG promoveu este ano unha ILP no Parlamento galego na que solicita a creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas integrado por unha única rede pública que preste os seguintes servizos:

-Centros asistenciais e residenciais da terceira idade.

-Centros de día.

-Centros de atención á diversidade.

-Servizos de axuda no fogar.

-Outros recursos: Casas Niño, Casas do/a Maior, Xantar na Casa, Transporte Adaptado, etc.

Servizos que para a central sindical teñen que estar suficientemente dotados tanto de infraestruturas e material como de recursos humanos, “dignificando as condicións laborais e salariais de todo o persoal coa aplicación dun mesmo convenio colectivo”.

Nomeadamente, incorporaranse a esta rede pública todos os actuais Servizos de Axuda no Fogar (SAF) e iniciarase a negociación cos axentes sociais dun convenio colectivo único que recolla unhas condicións laborais e salariais dignas. 

A CIG insta  a negociar un convenio único que recolla unhas condicións laborais dignas

Na prestación de servizos ás persoas beneficiarias priorizarase a atención a través desta rede de recursos públicos, antes que as axudas económicas, e eliminaranse todo tipo de repagamentos na atención e coidados, mediante a aprobación dunha carteira de servizos e prezos públicos. Ademais, incrementaranse e adecuaranse os orzamentos públicos destinados a este fin, así como aqueles dirixidos á promoción da autonomía persoal e o envellecemento activo.

Por todo isto, a dirección da federación de Servizos da CIG vén de acordar a posta en marcha dunha campaña de mobilizacións de apoio aos servizos de axuda no fogar que comezará cunha asemblea nacional de delegadas/os o 11 de xaneiro, “na que daremos traslado de todas as accións que imos poñer en práctica para denunciar os incumprimentos neste sector e forzar a negociación do convenio colectivo, sen descartar unha convocatoria de folga indefinida en todo o país”.