A CIG buscará apoios institucionais para lograr a implantación de coeficientes redutores no sector naval

Solicitoulle unha reunión ao conselleiro de Emprego e Industria para abordar esta demanda
Nacional - 21 Dec 2018

A CIG-Industria vén de solicitar unha reunión co conselleiro de Emprego e Industria para abordar o establecemento de coeficientes redutores da idade de xubilación para os traballadores e traballadoras do sector naval. A central trasladou o pasado mes de xullo esta solicitude ao Ministerio de Traballo e Seguridade Social e agora ten previsto iniciar unha rolda de contactos para recoller apoios institucionais e sociais  a esta histórica demanda do sector.

"Non ternos dúbida ningunha de que a actividade da construción e reparación naval representa un suposto extremo da necesidade destes coeficientes, e por iso, mentres se desenvolve o proceso administrativo para o seu recoñecemento, queremos buscar un amplo apoio institucional que favoreza unha resolución positiva desta demanda", apunta o secretario nacional da Federación de Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi, 'Tupi'.

Pero ademais dos contactos institucionais, a CIG vai iniciar unha campaña nos centros de traballo para explicar a proposta aos traballadores e traballadoras e recoller pronunciamentos entre os  comités de empresa solicitándolle ao Ministerio e á Secretaria de Estado da Seguridade Social a implantación destes coeficientes redutores para o persoal do naval de titularidade pública e privada, así como das súas industrias auxiliares.  

"Do mesmo xeito que estes coeficientes xa existen para o mar ou a minaría, dadas as condicións nas que se traballa nestes sectores, entendemos que polas súas características, o naval tamén debe ter unha regulación semellante e favorecerse o acceso á xubilación nunha idade e cunhas condicións dignas", engade.

Recortes no acceso á xubilación

Neste senso, Bouzas denuncia que as reformas das pensións de 2011 e 2013 supuxeron duros recortes na xubilación, atrasando a idade de acceso até os 67 anos, ampliando o período de cómputo da base reguladora ou incrementando o número de anos para cobrar a pensión completa. Ademais, o Real Decreto 20/2018, que vén de aprobar o Consello de Ministros/as, de medidas para a xubilación parcial aos 61 anos, non só non restablece este dereito nas condicións anteriores, senón que na práctica exclúe o conxunto da clase traballadora do acceso a esta modalidade de xubilación.

"Esta é unha desas medidas dirixidas a manter e rexuvenecer o emprego, tendo en conta que o posto de traballo do persoal que se xubila debe ser cuberto mediante un contrato de relevo. Mais é unha medida que debe estenderse a todos os sectores de actividade sen as exclusións introducidas polo Goberno", engade Bouzas Aboi, quen lembra a elevadísima taxa de eventualidade que rexistra no naval e que todo este persoal eventual non pode acceder á xubilación parcial aos 61, porque está reservada para os/as operarios/as con contrato indefinido.

Por iso, reiterou a necesidade de implantar o sistema de coeficientes redutores neste sector, mais tamén de derrogar as reformas das pensións de 2011 e 2013 para garantir o dereito a unha pensión digna para todos os traballadores e traballadoras.