• Nova

Convocan unha manifestación para reclamar un convenio estatal xusto no sector das conservas

A marcha arrincará da praza do Concello de Vilagarcía este sábado 18 ás 11:00 horas
O Salnés - 16 Dec 2021

As organizacións sindicais maioritarias no sector das conservas de peixe, a CIG, UGT e CCOO, anunciaron a convocatoria unha manifestación conxunta para reclamar un convenio estatal digno. A marcha arrincará da praza do Concello de Vilagarcía este sábado 18 ás 11:00 horas e rematará na praza de Galiza.

A actitude amosada pola patronal nas últimas xuntanzas da mesa de negociación aboca o persoal do sector a ter que saír á rúa para reclamar un acordo digno. Por iso as centrais optaron por facer unha fronte común e deseñaron un calendario de mobilizacións que dará comezo coa manifestación deste sábado. En vindeiras xuntanzas acordarán novas protestas e definirán a convocatoria de paros e de folga. 

As centrais convocarán novas protestas e un calendario de paros e de folga 

As traballadoras/es vense abocadas/os ao conflito tras comprobar que nos últimos encontros o empresariado achegou propostas “que supoñen dar dous pasos para atrás”, segundo as representantes da FGAMT-CIG do Salnés que participan na negociación.

En concreto, non se garante o poder adquisitivo do persoal nin se corrixe a fenda salarial entre homes e mulleres, unha das reclamacións históricas da CIG. Ademais, as empresas teiman en ampliar a xornada laboral de luns a domingo, “algo que levan intentando dende o principio, endurecendo aínda máis o convenio anterior”.

De igual xeito, na central lamentan que a patronal non vexa discriminación salarial por razón de xénero entre as categorías do grupo 5 (fabricación) a as do grupo 6 (oficios varios). “Isto chámase cegueira interesada, pois a diferenza é clara”. Con todo, unha suba de soldos adicional para categorías do grupo 5 como oficial de 1ª e 2ª ou mestra. “Pero sorprendentemente non propoñen ningún aumento para a categoría de auxiliar, que agrupa a maior parte de mulleres traballadoras cun salario inferior”, censuran.