A CIG, CCOO e UGT mobilízanse por un novo convenio provincial do metal de Pontevedra

Desenvolveron unha concentración en Talleres Fontán de Vigo para esixir a reapertura das negociacións

Vigo/Pontevedra -

A CIG, CCOO e UGT desenvolveron hoxe a primeira das protestas do calendario de mobilizacións convocado en resposta á decisión da patronal do metal pontevedrés de suspender as negociacións para renovar o convenio colectivo provincial. Delegados/as das tres centrais sindicais levaron a cabo unha concentración en Talleres Fontán en Vigo, mentres que o día 11 trasladaranse a Valga para facer o mesmo diante de Urovesa. E o 24 de marzo teñen previsto celebrar unha asemblea de traballadores/as do sector fronte ao Náutico de Vigo.

Durante a mobilización de hoxe en Talleres Fontán, empresa situada na Avenida de Castrelos, despregouse unha faixa co lema “Contra a precariedade. Convenio digno xa!” e berráronse consignas criticando a actitude dunha patronal que decidiu romper as conversas tras 14 xuntanzas, “levantándose da mesa e mantendo as súas imposicións e actuando con pasividade e inmobilismo dende o inicio das reunións”. Tamén se interrompeu o tráfico durante uns minutos.

A decisión dos sindicatos chega tras 14 xuntanzas e unha vez que o empresariado rompeu as negociacións “levantándose da mesa e mantendo as súas imposicións e actuando con pasividade e inmobilismo dende o inicio das reunións”.

En consecuencia, e ante a imposibilidade de chegar a acordos “cunha patronal instalada nunhas lóxicas de precarización e empeoramento das condicións de traballo”, as centrais apostaron por saír á rúa para visibilizar a necesidade que teñen os traballadores/as do sector “dunha modernización do convenio, con redución de xornada, subrogación, licenzas, limitación dos centros especiais de emprego, acoso laboral, contratación indefinida, categorías, plans de igualdade, dietas, plus de gardas e unha suba salarial acorde o esforzo que os cadros de persoal fixeron durante todo este tempo de pandemia”.

Deste xeito, decidiron convocar unha serie de mobilizacións durante o mes de marzo. A seguinte terá lugar o vindeiro xoves día 11 diante de Urovesa en Valga. Ao igual que a celebrada hoxe, a protesta desenvolverase de 11:00 a 12:00 horas.

Mentres que o mércores 24 de marzo celebrarán unha asemblea de traballadores/as do sector fronte o Náutico de Vigo, nas proximidades da estación marítima, para analizar os intentos da patronal de precarizar aínda máis o sector. Dende a CIG, CCOO e UGT fan un chamamento a participar tanto nas protestas como na asemblea como único xeito de lograr unha mellora das condicións laborais.

Volver