A CIG cumpre 25 anos sendo 1ª forza en representación, afiliación e capacidade de mobilización

A central recoñece o papel das persoas que co seu esforzo e compromiso o fixeron posible

Nacional -

A Confederación Intersindical Galega celebrou este martes o seu 25 aniversario cunha asemblea nacional de delegadas e delegados que estivo presidida pola actual executiva e os membros do primeiro secretariado. Un acto no que se conmemorou, como apuntou o secretario xeral, Paulo Carril, un proceso histórico nacido das loitas de Ferrol e Vigo do ano 1972 que levou á central sindical a ser hoxe a primeira en representación, afiliación e capacidade de mobilización.

Na primeira parte da asemblea interviñeron os ex secretarios xerais Manuel Mera e Suso Seixo, aínda que tamén estaba prevista a intervención de Fernando Acuña, que non puido asistir por problemas de saúde.

Manuel Mera, que foi secretario confederal primeiro e presidente da CIG despois -entre os anos 1987 e 2001-,salientou o salto cualitativo que deu a CIG como proxecto colectivo de miles e miles de persoas, moitas delas en empresas enfrontándose á presión á que estaban sometidas.

Lembrou que o sindicalismo nacionalista naceu en 1973, como consecuencia das folgas do ano 1972 en Ferrol e Vigo, cando se constituíu a Fronte Obreira, froito dun debate no que se asumiu a necesidade de construír poder popular en todos os ámbitos, quer no obreiro, quer no agro ou quer no estudantil, como ferramentas para a liberación nacional e social de Galiza.

A partir de aí, sinalou, xurdiron organizacións como o SOG, a UTEG ou a ING e deuse de novo o debate sobre a necesidade de crear unha centrar sindical nacionalista. “Foi un acerto facelo, senón hoxe non seriamos o que somos”, asegurou.

Xunto a isto, lembrou ademais que outra das cuestións sobre a que houbo que tomar unha decisión, foi sobre os Pactos da Moncloa, que supuxeron “sacrificar salarios pero, sobre todo, sacrificar o movemento obreiro”. Pactos aos que, como ben lembrou, o sindicalismo nacionalista se opuxo e que se levaron a debate empresa a empresa denunciando, ao tempo, a claudicación de CCOO e UGT, que “aceptaron que as traballadoras e traballadores pagaran os custos da democracia, no canto da democracia servir para dignificar as súas condicións”.

Isto serviu, ao seu entender, para presentar á clase traballadora galega unha alternativa a CCOO e UGT que, xa nas primeiras eleccións sindicais ás que concorreu obtivo un 10%.

Mera gabouse tamén de teren decidido, en 1994, enfrontarse á reconversión naval e mesmo ter convocado unha folga xeral á que se opuxeron as outras centrais sindicais e que “foi un éxito”, sobre todo, porque o seu alcance foi moito maior do esperado.

O traballo incansábel e o compromiso inquebrantábel de centos e centos de compañeiras e compañeiros, mais tamén decisións como estas foron as que axudaron a construír a central sindical que, para Mera, ten o reto de dar a loita das ideas e precisa ter iniciativa “porque se non nos ven como proxecto de futuro, non teremos capacidade nunca de transformar a realidade social”.

Orgullo de ser a primeira forza sindical en Galiza

Pola súa banda, Suso Seixo, que foi secretario xeral desde 2001 até 2017, manifestou o seu orgullo por celebrar este 25 aniversario da CIG como primeira central sindical. “Temos que sentirnos dobremente satisfeitos”, dixo, “porque fixemos todo isto sen renunciar aos nosos principios, sen vendernos e sen entregarnos á patronal, como fan outras centrais sindicais”.

Unha posición que, ao seu entender, non sería posíbel nun país como o noso se non houbera centos e centos de compañeiras e compañeiros dispostos a dar a cara todos os días nos centros de traballo por un proxecto sindical combativo e transformador como é o da CIG.

Seixo lembrou tamén como se acordou a creación dunha organización sindical propia, nos anos 70, “froito da análise marxista dunha realidade como a galega” onde a clase traballadora sofre, tal e como denunciou, unha dupla explotación: como clase e a derivada de formar parte dunha nación colonizada que cumpre o papel de subministradora de aforro, enerxía eléctrica, materias primas e man de obra barata, entre outras.

Unha realidade que desde aquela non mudou e á que Seixo asegurou que é á que dá resposta o sindicalismo nacionalista, porque a clase traballadora enfróntase agora a unha situación de explotación maior, con peores salarios, xornada e demais recortes. Mais tamén dá resposta a unha situación de dependencia de Galiza, que segue no papel de subministradora de aforro, espoliándose as súas materias primas e man de obra barata. “Eses foron os motivos que levaron a que nacera o sindicalismo nacionalista e seguen estando vixentes”.

Suso Seixo rematou a súa intervención convidando a demostrar ao capital e á burguesía española que “non estamos dispostos nin dispostas a renegar nin da nosa condicións de clase traballadora, nin da nosa condición de galegas e galegos”. Por iso chamou a defender os dereitos de clase e nacionais sen perder a perspectiva “para que as nosas fillas e fillos poidan vivir un día nunha Galiza ceibe e sen explotación”.

Décadas de solidariedade de clase

Para o secretario xeral, Paulo Carril, precisamente este proceso histórico fai que a CIG sexa “expresión da vontade firme da clase traballadora galega de construír ferramentas desde a nosa autoorganización, como clase e como pobo galego, como a única vía para rematar con este sistema de explotación de clase, agravada ante a dependencia colonial á que está sometida a nosa nación polo Estado español”.

Neste sentido, afirmou que a emancipación da clase traballadora galega “é inseparábel da conquista da soberanía nacional de Galiza, porque non podemos ser homes e mulleres libres nunha nación asoballada”.

Salientou que ao longo de décadas, arredor da CIG construíuse colectivamente unha central sindical “de forte unidade de clase, que se labra loita a loita, nos centros de traballo, nas fábricas, por medio da mobilización obreira e da mobilización popular, na defensa dos nosos intereses de clase”.

Un percorrido e unha práctica que, tal e como dixo Paulo Carril, fai que a CIG sexa hoxe a primeira forza sindical en Galiza, “obxectivo imparábel que nos chama a actuar de acordo aos mesmos principios e á mesma acción sindical, que nos ten levado a termos este resultado”.

Volver