O sector de Autonómica da CIG-Administración Pública cualifica de “grave erro político” a decisión do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de nomear a Alfonso Villares delegado territorial da Xunta en Lugo apenas un ano despois da súa dimisión como conselleiro por unha denuncia de agresión sexual. Consideran que a rehabilitación de Villares como alto cargo autonómico é de “extrema gravidade” e que fai patente o “falso compromiso” da Xunta do PP coas vítimas de violencia machista.
Dende a central sindical amosan o seu respecto polas resolucións xudiciais e a presunción de inocencia, pero lembran que o arquivo dunha causa -”e xusto estamos a falar de agresión sexual”- por falta de indicios suficientes para continuar o procedemento non equivale a unha sentenza que declare a inexistencia dos feitos. “A responsabilidade política e social e a exemplaridade institucional van máis alá do percorrido xudicial dun caso”, sinalan.
Para o presidente da Xunta é máis importante restituír a honorabilidade dun ex conselleiro do seu círculo político e íntimo que mandar unha mensaxe exemplarizante de tolerancia cero fronte a violencia
Ao tempo que fan fincapé en que ninguén obriga a Rueda a rehabilitar politicamente a Villares. “Faino porque lle peta, e ao facelo está enviando unha mensaxe inequívoca: para o presidente da Xunta é máis importante restituír a honorabilidade dun ex conselleiro do seu círculo político e íntimo que mandar unha mensaxe exemplarizante de tolerancia cero fronte a violencia. En definitiva, con esta decisión na Administración autonómica temos un posible depredador sexual de xefe”.
Nes senso, inciden en que as institucións públicas non só teñen que actuar conforme á legalidade, “senón tamén preservar a súa credibilidade, protexer a confianza da cidadanía e actuar coa máxima responsabilidade ante situacións de especial transcendencia social”.
Por isto, dende a CIG-Autonómica entenden que este nomeamento non é un caso de “enchufismo” máis do PP, senón que supón un grave atentado cara a todas as mulleres. “Mostra unha ausencia absoluta de conciencia que banaliza a violencia sexual, deteriora a credibilidade das vítimas e evidencia unha preocupante falta de responsabilidade e sensibilidade institucional por parte do presidente da Xunta e do Partido Popular de Galiza”.