A CIG chama á convocatoria dunha folga xeral que "obrigue o PP a retroceder nas súas posicións antisocias e antiobreiras"

A central desenvolveu mobilizacións por toda Galiza en defensa do sistema público de pensións
Nacional - 15 Mar 2018

No marco da xornada de mobilizacións que a CIG desenvolveu este xoves por todo o país en defensa das pensións, Paulo Carril chamou á convocatoria dunha folga xeral que "obrigue o PP a retroceder nas súas posicións antisocias e antiobreiras". O secretario xeral da CIG aseverou que o proceso acelerado de empobrecemento e deterioro dos salarios e a precarización constante e imparábel "esixe dunha folga xeral para demostrar a nosa disposición de resistencia, de loita pola recuperación dos nosos dereitos e como a mellor defensa ante o deterioro das pensións e ante a próxima reformas das pensións que están a preparar no chamado Pacto de Toledo".

O secretario xeral da CIG lanzaba este chamado durante a súa intervención ao remate da concorrida manifestación desta tarde en Vigo, enmarcada na xornada de mobilizacións que o Colectivo de Xubilados/as e Pensionistas da CIG realizou nas sete cidade galegas e nas localidades de Lalín, As Pontes, Boiro, Cee e Burela en defensa do sistema público de pensións e dunhas prestacións dignas.

Carril subliñou que é o momento de acumular forzas para dar unha resposta contundente que obrigue o Goberno do PP á derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións, pois este "é o único camiño para articular medidas que garantan, de verdade, a viabilidade do sistema público de pensións, o seu poder adquisitivo e que as pensións mínimas sexan iguais ao salario mínimo interprofesional". Salientou que "dende a CIG temos claro que neste tempo difícil que vivimos, seguimos chamando, como levamos anos facendo, a estar máis e mellor organizados/as para combater esta situación".

"Insultantes" afirmacións de Rajoy

A este respecto, o secretario xeral da CIG valorou que se xa tiñamos motivos de sobra para mobilizarnos, tras das declaracións de Rajoy onte Congreso, "agora temos máis razóns que nunca". Carril cualificou de "insultantes" as afirmacións do presidente do Executivo español, nas que aseguraba que o PP, desde que está no Goberno, non recortou as pensións e se negaba a derrogar as reformas aplicadas "que tanta extensión da pobreza e desigualdade están a causar".

Considera Carril que resulta "indecente" que o PP anuncie medidas que ligan calquera mellora das pensións a que lle aproben os orzamentos xerais do Estado, ao tempo que pretende manter inamovíbeis as sucesivas reformas "que nos levaron á que en Galiza teñamos as pensións máis baixas do Estado, a que o 65% das pensións galega estean por debaixo da mínima ou a que as pensións das mulleres galegas teñan unha fenda superior ao 37%. Non podemos consentir que o PP siga facendo ouvidos xordos ao clamor social en demanda de pensións dignas", reiterou Carril.

A este respecto, lembrou que a causa deste empobrecemento das pensións foron as reformas introducidas nos anos 2011 e 2013, "feitas polo PSOE e o PP, co apoio incondicional de UGT e CCOO, e ás que a CIG foi a única en responder, chegando incluso a convocar unha folga xeral".

Dificúltase o acceso e rebáixanse as contías

A través destas medidas introducíronse recortes tremendamente regresivos dirixidos a dificultar o acceso as pensións públicas e a rebaixar as súas contías: nomeadamente o atraso da idade de xubilación; o aumento dos anos de cálculo para o cómputo da base reguladora; o incremento do número de anos para cobrar a pensión completa; desligar as subas anuais do IPC oficial e a introdución do chamado factor de sostibilidade, que se comezará a aplicar a partir de 2019.

Estas medidas provocaron unha importante perda de poder adquisitivo das e dos pensionistas e están ocasionando que as galegas e galegos que acceden agora á xubilación o fagan percibindo contías inferiores a quen accedeu en anos anteriores.

"Lamentábel actuación dos teóricos partidos da esquerda"

Neste contexto, para o secretario xeral da CIG resulta "lamentábel" a actuación "dos teóricos partidos de esquerda", que agora "corren a convocar manifestacións e protestas, pero son incapaces de anular as reformas e as políticas do PP e de Rajoy", a pesar de ter un goberno en minoría no Parlamento español.

Lamentou que a central nacionalista estivo levando en solitario esta loita "porque non houbo quen aguantara do tirón, quen quixera facer forza con nós contra estas reformas, quen tivera a valentía que nós tivemos de actuar". E nesta liña, insistiu en que a CIG non tivo dubidas á hora de nos mobilizar e de loitar. "Nós non caemos na resignación, na pasividade, no entreguismo sindical e na desmobilización. Así que a nós que ninguén nos dea leccións de nada, nin que temos que reivindicar nin como".

De aí que reiterara que xa hai meses a CIG fixo un chamamento á convocatoria de folga xeral "que hoxe recordamos e volvemos facer a quen queira escoitar, a quen o queira recoller, se aposta en serio por dar a resposta real que temos que dar".

Miles de persas participaron nas mobilizacións deste xoves

Miles de persoas mobilizáronse este xoves en cidades e vilas galegas como A Coruña, Cee, Boiro, Santiago, Ferrol, As Pontes, Pontevedra, Lalín, Vigo, Lugo Ourense ou Burela convocadas polo Colectivo de Xubilados/as e Pensionistas da CIG, que chamou a non deixarse enganar polas “mentiras” que, en forma de informacións, análises, estudos e declaracións públicas, poñen en cuestión a viabilidade do sistema público de pensións para “xustificar así o seu desmantelamento e introducir os plans privados que benefician e enriquecen só ás grandes empresas e fondos financeiros que os xestionan”.

Denuncian que tras da reforma de 2011, “durante varios exercicios non se revisou o importe nominal das pensións, ou que fíxose por baixo da inflación, até que no 2013 o PP eliminou a lei que establecía o IPC para o cálculo do incremento das pensións, promovendo un duro recorte que, nalgúns casos, pode reducir ata nun 20% as futuras pensións, a conta das mentiras sobre o aumento da esperanza de vida”.

O colectivo de xubilados e pensionistas da CIG reclama que sexa a administración quen garanta as pensións unhas pensións públicas dignas. Porque “non é un problema económico o que llo impide, só é precisa vontade política. O sistema público de pensións en Galiza, ou mesmamente un sistema público galego, é posíbel, viábel e capaz por si mesmo. Máis para iso compre termos todas as competencias legais e normativas necesarias para que, entre outras cousas, sexa en Galiza onde se faga o pago dos impostos e das cotizacións sociais, por ser onde están radicados os centros de traballo, e non en Madrid, lugar onde están as sedes centrais das empresas”.

Contra o “miserábel incremento do 0,25%”

Ademais demandaron unha revalorización das pensións digna, en función do IPC e “non ese miserábel 0.25% que o goberno de Rajoy ofrece” e defenderon “un sistema público de pensións que permita unha vida digna ás persoas xubiladas de hoxe e ás que veñen detrás, as nosas fillas e os nosos netos”; a eliminación dos topes máximos de cotización á Seguridade Social; a xubilación ordinaria aos 65 anos e unha pensión mínima igual ao Salario Mínimo Interprofesional e a xubilación voluntaria ao cumprirse 35 anos de cotización.

O colectivo concluíu facendo un chamamento a traballadoras e traballadores “para que se sumen a estas mobilizacións, para que loiten polo seu futuro, por un futuro con pensións públicas dignas”.