A CIG chama a participar na manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública

O domingo día 9 de febreiro, ás 12:00 horas, con saída da Alameda compostelá

Nacional -

A CIG fai un chamamento a participar masivamente na mobilización convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública -integrada por colectivos, sociais, sindicais, partidos políticos e persoas a título individual que defenden a sanidade pública- que terá lugar o vindeiro domingo día 9 de novembro, ás 12:00 horas con saída da Alameda de Santiago. A CIG-Saúde fai, ademais, un especial chamamento ao persoal do SERGAS.

A plataforma cidadá SOS convoca unha manifestación en defensa da nosa sanidade pública para lembrarlle ao Partido Popular, unha ano máis, que non poden facer negocio coa nosa saúde; que o acceso á sanidade pública é un dereito de todas as persoas, independentemente de onde residan, da súa condición social e da patoloxía que presenten.

Desde a CIG-Saúde subliñan que non hai recuperación da sanidade pública se non se remata coa taxa de reposición, coa precariedade laboral e cos recortes de persoal. “A taxa de reposición ademais de impedir cubrir os postos que fican vacantes, tamén impide incorporar novos profesionais para  a cobertura  as novas necesidades asistenciais”, denuncia a secretaria nacional, María Xosé Abuín.

Por iso Abuín lembra ás forzas políticas que asistan á manifestación  que “desde xa, teñen que exixir o cumprimento do acordo co BNG, para que nos orzamentos do Estado do ano 2020, desapareza a taxa de reposición ou deixe de ser considerada como normativa básica, para que no SERGAS poidamos negociar un plano de emprego que permita recuperar as prazas  amortizadas”.

Precariedade do persoal eventual

Ademais da supresión da taxa de reposición, a CIG-Saúde exixe que se remate, de inmediato, coa precariedade laboral do persoal eventual. Neste sentido Abuín sinala que “o persoal ten que ser contratado polo motivo que provoca a súa contratación, respectando todos os dereitos: cómputo de xornada, libranzas, permisos e resto de dereitos. A directiva europea recolle que o persoal contratado non pode ter menos dereitos que o persoal fixo, que isto non se pode regular en función da duración do contrato, xa que as súas obrigas de prestación de servizo son as mesmas: fixos e interinos”.

Sobran razóns

A secretaria nacional considera que sobran razóns para acudir a esta manifestación e salienta, entre outras a defensa dunha sanidade pública de calidade, que garanta a equidade de todas as persoas ao servizo público; a defensa dos postos de traballo e da dignificación das nosas condicións laborais; para non ser cómplices do Partido Popular no seu obxectivo de privatizar a sanidade e repartir beneficios a costa da nosa saúde e para que todos os problemas de saúde sexan atendidos na sanidade pública, sen estigmatizar as persoas que as padecen.

Xunto a isto Abuín reclama unha sanidade pública que garanta un programa de atención integral a saúde de muller, “baseado nas evidencias científicas e nas necesidades das mulleres, e non con programas elaborados a partires dos prexuízos do Partido Popular” e que se garanta que todo o territorio de Galiza teña  cobertura sanitaria coas/os profesionais necesarios .

Volver