A CIG chama a participar na manifestación nacional convocada polo feminismo galego o domingo 5 de marzo

Sairá ás 12:00 horas da estación de autobuses de Santiago
Nacional - 01 Mar 2017

A CIG fai un chamamento a participar na manifestación nacional unitaria convocada, un ano máis, con motivo da conmemoración do 8 de marzo, polo movemento feminista galego para o vindeiro domingo día 5 de marzo, que sairá ás 12 horas da Rúa do Hórreo, diante da estación de tren de Compostela.

Folga de mulleres

Aproveitando o marco do Encontro Nacional de Delegadas da CIG que teremos proximamente, desde a Secretaría das Mulleres da CIG abordarase a posibilidade de impulsar unha folga de mulleres en Galiza, que abarque a todas as mulleres do país, desempregadas, xubiladas, traballadoras por conta propia, estudantes, etc., unha folga de coidados e de consumo como resposta aos feminicidios e as graves discriminacións que continuamos a sufrir as mulleres polo mero feito de selo. Nesta iniciativa traballaremos conxuntamente co movemento feminista galego para que participe de forma activa na convocatoria.

A central sindical tamén anima a arroupar a iniciativa internacional impulsada polas organizacións feministas para este 8 de marzo de convocar un Paro Internacional de Mulleres, amosando a nosa solidariedade como central sindical coas compañeiras de diversos países do mundo que secundarán o paro convocado para este ano. Simbolicamente pararemos con elas.

Por iso, chamamos a secundar un paro de media hora e a participar na concentración convocada  pola CIG, ás 11:00 horas, o propio 8 de marzo, diante da Secretaría Xeral de Igualdade, en Compostela, en solidariedade con Nélida Pisco, condutora de Autobuses de Calo, porque simboliza as demandas de todas as mulleres ao representar a meirande parte das discriminacións que sufrimos no mundo do traballo, tras padecer durante 8 anos acoso e terrorismo patronal.

De igual xeito, a CIG anima a todas as mulleres deste país a que fagan un paro de media hora no seu traballo, no centro educativo no que estuden, na súa casa, que saian á rúa.

As que non poidan parar que vistan de negro ou violeta. A que todas inunden as redes sociais cun letreiro que amose a solidariedade coas mulleres que en moitos países do mundo van ir á folga, empregando os hashtag: #ParoDeMulleres #NósParamos #Solidariedade #8M

Actos convocados na semana do 8 de Marzo

Como organización integrante da Marcha Mundial das Mulleres, a CIG tamén fai unha chamada  a participar nos actos convocados por esta organización, así como nos que esta participa xunto con outras organizacións do feminismo galego, durante a semana do 8 de marzo:

-4 de marzo: mural reivindicativo en Vigo

-5 de marzo: 12h participación na manifestación nacional do feminismo galego en Compostela

-6 a 12 de marzo: accións de rúa en Vigo

-8 de marzo: 20h Manifestación en Vigo dende Praza Portugal

-8 de marzo: 19h Concentración en Ferrolterra (Praza do Inferniño)

-8 de marzo: 12h Paro simbólico en Ourense (Praza maior) e ás 20h Mani-festa-acción da Castañeira aos Xardíns Padre Feijóo

-8 de marzo: 19h Manifestación do movemento feminista en Compostela (Praza 8 de marzo)