A CIG chama a participar na manifestación nacional convocada por Galegas8M o domingo 3 de marzo en Lugo

Baixo o lema "Por todas as mulleres, por todos os dereitos: Revolta feminista"

Lugo -

A CIG fai un chamamento a participar na manifestación nacional que a Asemblea Galegas8M ten convocada para este domingo 3 de marzo en Lugo, no marco das mobilizacións organizadas arredor do Día Internacional da Muller Traballadora e da folga de mulleres convocada para esa xornada. A marcha sairá ás 12 horas dende a Porta Falsa da Muralla e rematará na Praza Horta do Seminario, onde se dará lectura a un manifesto e onde terán lugar diversos actos lúdicos.

Baixo o lema "Por todas as mulleres, por todos os dereitos: revolta feminista" a manifestación, sairá ás 12:00 horas da Porta Falsa, continuará pola Ronda da Muralla, Rúa Montevideo, Rúa Bolaño Rivadeneira, Rúa Quiroga Bellesteros, Santo Domingo, Ronda da Muralla, Praza da Constitución e Rúa Anxo López Pérez para rematar na Horta do Seminario, onde se procederá á lectura dun manifesto.

Alí tamén se poderá gozar da actuación de Batuko Tabanka (agrupación musical de mulleres procedentes de Cabo Verde e establecidas en Burela), haberá unha performance por parte do grupo de teatro feminista a cargo de Isa Herrero, e despois unha sesión musical de cancións feitas por mulleres. Así mesmo, na propia praza instalaranse varios postos de comida para quen queira quedar a xantar.

Para facilitar o desprazamento a Lugo, están organizadas 16 rutas de transporte por todo o país e xa está confirmada a chegada de 20 autobuses con todas as prazas cubertas.

Dende Galegas8M animan a todas as veciñas de Lugo, e en especial a todas aquelas que teñen a súa casa no percorrido, a pendurar da fiestra ou do balcón un mandil, "como sinal de apoio e sororidade, e unirse a este gran movemento que sen dúbida será inesquecíbel para Lugo".

Unha gran mobilización para quentar a convocatoria do 8 de Marzo

Cómpre destacar que Galiza é o único territorio no que está convocada unha gran mobilización co motivo do Día Internacional da Muller Traballadora, antes da propia xornada do día 8, co obxectivo "de darlle un último pulo á folga e ás convocatorias locais do 8M, que xa foron un éxito sen precedentes no pasado ano".

A plataforma Galegas8M, integrada por máis de 50 organizacións e da que a CIG fai parte, chama a participar activamente nesta mobilización nacional e na folga de mulleres convocada a nivel internacional para o 8 de Marzo, tanto no ámbito laboral como estudantil, de coidados e de consumo, e visibilizar as discriminacións e a desigualdade e o contributo das mulleres tanto na esfera produtiva como reprodutiva.

A Asemblea Galegas8M formouse en decembro de 2017 co obxectivo de reflexionar e a traballar nun 8 de Marzo a nivel galego que sexa o máis diverso, horizontal e inclusivo posíbel. Tras o éxito da convocatoria do ano pasado en Vigo e da Folga de Mulleres do propio 8 de marzo, a plataforma retomou a súa actividade cara á organización da manifestación unitaria de 2019 que, seguindo o carácter descentralizador da convocatoria, se acordou fora en Lugo, "para amosar outra faciana ben distinta da Galiza moitas veces esquecida, a do interior, en contraste coa elección de Vigo do ano pasado".

A CIG anima a secundar a Folga de Mulleres

Desde a Secretaría das Mulleres da CIG chamamos ás estudantes, xubiladas, desempregadas e asalariadas a secundar este 8 de Marzo a folga de mulleres de 24 horas para denunciar as discriminacións e o machismo que sufrimos, mais tamén para desmontar e denunciar a hipocrisía e a falsidade coa que se trata a problemática específica das mulleres tanto por parte da patronal como por parte do poder político e do sistema.

Máis información sobre Galegas8M en:

Volver