A CIG chama a participar nas mobilizacións convocadas, en toda Galiza, pola Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas

Terán lugar os días 18, 19 e 20 coincidindo co Día Mundial das Persoas Refuxiadas
Compostela - 16 Xun 2016

A Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas, formada por máis de 70 colectivos, asociacións, ONGD, partidos políticos e sindicatos, entre os que está a CIG, convoca novas mobilizacións en toda Galiza arredor do 20 de xuño, día mundial das persoas refuxiadas, baixo o lema 'Non ás guerras. Rachemos coas fronteiras'.

Con este motivo a CIG chama a saír ás rúas da Coruña, A Guarda, Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo –cidades e vilas nas que se celebrarán as mobilizacións- para exixir rutas legais sen condicións; o cumprimento dos convenios internacionais en materia de asilo e refuxio; que se revise en profundidade a política migratoria e exterior europea; e o respectos dos dereitos humanos das persoas que se viron obrigadas a fuxir da guerra, a violencia e a fame.

As mobilizacións convocadas son as seguintes:

A CORUÑA. 19 de xuño, ás 12 horas, dende o Orzán.

A GUARDA. 18 de xuño ás, 20 horas, dende a Alameda.

COMPOSTELA. 19 de xuño, ás 12 horas, dende a Alameda.

FERROL. 19 de xuño, ás 12 horas, dende a Praza España.

LUGO. 20 de xuño, ás 20 horas, diante do Edificio da Xunta

OURENSE. 20 de xuño, ás 20:30 horas, dende a Subdelegación do goberno

PONTEVEDRA. 19 de xuño, ás 12 horas, na Praza da Peregrina.

VIGO. 19 de xuño, ás 11:30 horas, na Doblada

A Rede demanda, entre outras cuestións:

  • Que se revise en profundidade a política migratoria e exterior europea. O modelo de Europa fortaleza está a dilapidar millóns de euros nunha sinistra infraestrutura de vixilancia, disuasión, control, intimidación e violencia mentres elude calquera xestión global que antepoña a vida das persoas. Só abandonando a actual política exterior baseada no lucro imperialista que vulnera a soberanía dos pobos e camiñando cara unha outra centrada na cooperación e na loita contra as desigualdades, poderemos atallar a raíz das crises migratorias e actuar de maneira solidaria perante os seus efectos.
  • Ampliar e axilizar o sistema de asilo para as persoas que xa están no Estado español e Galicia que actualmente están pendentes de ser atendidas, mediante o reforzo da Oficina de Asilo e  Refuxio do Ministerio do Interior e de persoal debidamente formado nas Oficina de Estranxeiría, para conseguir unha maior axilidade nas entrevistas de solicitude.
  • Que as administracións asuman que son elas as responsables de garantir os dereitos das persoas refuxiadas e promover a súa autonomía. Iso significa que haberá que promover a súa integración facilitando alugueres de pisos, garantido o acceso ao sistema educativo e sanitario, a través da mediación lingüística, etc.
  • Que a Xunta de Galiza poña a disposición das persoas migrantes e refuxiadas recursos que tamén beneficien ao conxunto das persoas en situación de pobreza e/ou exclusión: recursos sanitarios, de reforzo escolar e educación inclusiva plena, de tradución, de integración e mediación, etc. Para iso, ademais de incrementar os escasos recursos existentes, haberá que promocionar a formación entre as persoas que os atenden e asegurar a coordinación cos xa existentes.

Que se recuperen os fondos de cooperación e os programas de atención á poboación de orixe estranxeira previos aos recortes, imprescindibles para mellorar a situación nos países de orixe e a construír unha sociedade xusta e cohesionada.