A CIG chama a reactivar o convenio TIC para avanzar na mellora das condicións laborais no sector

A central sindical leva máis de 4 anos defendendo un convenio galego
Nacional - 02 Mai 2019

A CI-TIC vén demandando desde hai máis de catro anos a negociación dun convenio galego para o sector. Conseguiu que se abrira unha mesa de negociación entre as organizacións sindicais máis representativas e a patronal do sector e presentou unha plataforma na que se recollen todas as demandas para garantir unhas condicións laborais dignas. Porén a negociación está paralizada e fai un chamamento a que se reactive.

Entre outras cuestións a proposta da central sindical contempla que o convenio teña unha vixencia de catro anos a partir de xaneiro de 2020, con garantía de retroactividade e de que, unha vez denunciado e, mentres non entre en vigor o novo, se garanta un incremento salarial equivalente ao incremento porcentual do IPC galego no seu conxunto nos 12 meses anteriores.

Garante ademais que se respecten como dereitos adquiridos todas aquelas situacións que, a título persoal, teñan as traballadoras e traballadores antes de se asinar este novo convenio.

Regula tamén o período máximo de proba que non poderá exceder dos 4 meses para técnicos/as titulados/as, nin de 2 meses para o resto, agás as/os non cualificadas/os, para quen non poderá exceder de 15 días laborables.

Traballo a quendas e plus

Xunto a isto regula o traballo en quendas nocturnas, que é o que se realiza entre as 22:00 horas e as 7:00 horas da mañá. Para este caso establece un plus de nocturnidade de 250€ mensuais. Subliña que “o traballo considerado nocturno terá un incremento dun 50% sobre o salario bruto por hora traballada”, ademais da obrigatoridade da empresa de avisar cun mes de antelación das quendas.

Establece un xornada intensiva a dispor entre o 15 de xuño e o 15 de setembro; 70€ de complemento de dispoñibilidade por día festivo e de sábado ou domingo e de 50€ o resto dos días; o 100% do salario en caso de IT; bonificacións por anos de antigüidade; seguro de accidentes; 3 días de libro dispor; control ao emprego a través de ETTs; medias dietas de 15€ para todas as categorías e 30€ de dieta completa ademais de aloxamento por conta da empresa, caso de ter que pasar a noite fóra do domicilio, entre outras cuestións.

Medidas de conciliación

Na plataforma presentada pola CIG establécense tamén medidas de conciliación e igualdade para a eliminación de discriminacións por razón de xénero, de obstáculos que impidan a promoción das mulleres, garantías para a igualdade de oportunidades, contra o acoso ou o establecemento de plans de igualdade, entre outros.

Para iso prevese a creación dunha Comisión de Igualdade de Oportunidades no seo da comisión partitaria regrada pola mesma.