A CIG chama a reforzar a mobilización para reclamar traballo digno, dereitos, pola paz e a soberanía dos pobos
Baixo o lema “Contra a precariedade e a desigualdade, na Galiza traballo digno, pobo con dereitos”, a CIG mobilizouse este 10 de Marzo en 14 localidades para lembrar as loitas do ano 1972, durante as que foron asasinados en Ferrol pola policía franquista os traballadores da antiga Bazán, Amador Rei e Daniel Niebla. Unhas mobilizacións que foron o xerme do sindicalismo nacionalista galego que hoxe representa a CIG e por iso, no Día da Clase Obreira Galega, a central quixo facer unha xornada de reivindicación por todo o país “porque esta é á maneira de manter vivas e vixentes as loitas do ano 72 pola liberdade, por salarios e condicións laborais xustas e por defender a negociación colectiva en Galiza”.
“A conmemoración non pode quedar reducida a un acto institucional estéril e limitado a Ferrol”, aseveraba o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, durante a ofrenda floral realizada esta mañá ao pé do monumento do 10 de Marzo. Incidiu en que a acción mobilizadora segue a ser o camiño para dar resposta á realidade de empobrecemento xeneralizado, baixos salarios e a desigualdade que padece a clase traballadora galega e confrontar o modelo socioeconómico neoliberal “imposto a través das sucesivas reformas laborais”.
Precarización, carestía e ofensiva imperialista
Denunciou tanto a reforma de 2012 aprobada polo Goberno de Mariano Rajoy como a aprobada en 2021 polo actual Goberno -acordada no chamado diálogo social-, “que non derrogou a do PP, senón que facilita normalizar a precariedade e a pobreza laboral que se manifesta na contratación fixa-descontinua e a tempo parcial”.
Nun momento, ademais, no que o capitalismo “aperta cada vez máis os gobernos, mesmo os autoproclamados de esquerda, marcándolles o camiño co que afondar en políticas máis neoliberais e máis depredadoras”, e no que se busca criminalizar a resposta social e mesmo cuestionar as liberdades públicas e os dereitos de folga e mobilización.
Isto dáse, advertiu Carril, nun contexto de medre da carestía da vida que dificulta o acceso a bens e servizos básicos como a vivenda, a enerxía ou a alimentación. “Se nos parecía que a inflación tocara límite coa guerra de Ucraína naquela explosión dos prezos que tanta devastación social esta a causar, asistimos estes días ao comezo dunha nova crise inflacionista a consecuencia da agresión imperialista dos EUA e Israel sobre Irán”.
Ante esta perspectiva, reclamoulle aos Gobernos español e galego “que teñan máis preocupación por aprobar de inmediato un plan de choque para enfrontar as consecuencias económicas e sociais desta guerra, e de defensa dos servizos públicos, que por intentar aumentar e xustificar un incremento dos gastos militares”.
Solidariedade e mobilización contra a guerra
Carril subliñou que o ataque dos EUA e Israel non é illado, senón que dá nun “proceso do capital querer seguir mantendo a hexemonía mundial e as condicións de explotación, pobreza e sometemento aos pobos e estados que se negan a aceptar a tutela das potencias dominantes”. Neste senso, animou a participar nas mobilizacións que a plataforma Galiza pola Paz ten convocadas para o vindeiro 16 de marzo “contra esta barbarie”, na defensa do dereito internacional e pola paz. “Que pare a apoloxía do belicismo e da OTAN, porque a guerra nunca é a solución, sempre é traxedia e destrución para o conxunto da humanidade, pero especialmente para as clases populares”, reclamou.
Nesta liña, apelou a responder “facendo uso das nosas armas, das únicas que queremos empregar, que son a palabra, a solidariedade e a mobilización social. O galego é un pobo que ten demostrado historicamente a súa adhesión fraternal ás causas xustas en calquera parte do mundo”, lembrou. E así se veu demostrando nas convocatorias periódicas para denunciar o xenocidio do pobo palestino.
O secretario xeral da CIG identificou a urxencia “de rachar coa globalización neoliberal e co imperialismo que os EUA queren manter con toda a agresividade, lume, sangue e morte que necesite, sexa en Grenlandia, Venezuela, Irán, Cuba, etc.”., reivindicando a necesidade de novas relacións internacionais “sen subordinacións, sen explotación nin dependencias, fundamentadas no dereito de autodeterminación, no respecto á soberanía económica e política dos pobos e nacións para a construción dun mundo necesitado de xustiza, solidariedade, cooperación, igualdade e paz”.
Deriva españolista e negadora da realidade plurinacional
Neste contexto, Carril puxo énfase na grave crise dunha Unión Europea cada vez máis irrelevante no contexto global, que aposta polo incremento do gasto militar, “por asinar acordos que arrasan o noso agro e pesca, por reafirmar unha Europa dos estados e do capital” no canto de camiñar cara a Europa dos pobos e das nacións e da xustiza social.
“Velaí a radicalización da dereita, o auxe da ultradereita e o fascismo promovido por un capital que quere máis ganancia sen importar os medios e que no Estado español nega a realidade plurinacional, reforza a unidade do mercado español e centralización das relacións laborais”, rexeitou.
As políticas erráticas do autodenominado “goberno máis progresista” do Estado e súa idealización do diálogo social, sumadas á debilidade de importantes sectores da esquerda política, sindical e social “que viven instalados na idea da conciliación e convivencia pacífica das clases sociais e da “España das autonomías”, facilitan as condicións para que o fascismo e a ultradereita avancen.
No noso país, os discursos e prácticas do PP en Galiza, ao que cualificou Carril de “correa de transmisión do PP español, son a proba desta deriva, competindo con VOX “nunha axenda españolista, facendo apoloxía do machismo e defendendo o belicismo ante a situación internacional, mentres mantén a súa axenda de espolio colonial, dependencia política de Galiza ao sistema español e exterminio da lingua galega”.
Mobilización e loita para mudar as políticas
Apelou á loita e á construción de poder popular como o camiño para mudar esta realidade, forzar a un cambio das políticas dos gobernos e enfrontar os ataques da patronal. “Está demostrado que a loita e a mobilización dan resultado”, aseverou, pondo como exemplo “a capacidade da unión do pobo galego para frear Altri” e alentando que “con esa mesma capacidade tamén lograremos saír da emerxencia lingüística para avanzar no proceso de normalización da lingua galega”. Neste punto animou a participar no acto programado por Queremos Galego para o vindeiro sábado, 14 de marzo, ás 12h, na Praza da Quintana en Compostela.
Finalmente, o secretario xeral chamou a “facer máis sindicato, máis mobilización, máis loitas empresa a empresa, convenio a convenio, como estivemos e seguimos a facer nas folgas do transporte de viaxeiros/as da provincia da Coruña, no sector dos coidados, na conserva, no ensino público e na atención primaria”, sector no que este xoves 12 de marzo a CIG ten convocada unha xornada de folga.
Co monumento ao 10 de Marzo de fondo, Carril rematou a súa intervención destacando que, “máis que nunca, reivindicar o dereito a decidir é vital para facer fronte xusta e democraticamente a toda esta situación e para que poidamos vivir e traballar dignamente na nosa terra, todas as persoas galegas de nacemento ou de orixe migrante que veñen ao noso País facer a súa vida”.