A CIG chama a rexeitar masivamente este sábado, en Compostela, a universidade privada de Abanca

Convoca a Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública, ás 12:00 h, na Alameda
Nacional - 10 Xun 2021

A CIG chama á secundar masivamente a manifestación convocada pola Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública que terá lugar o vindeiro sábado, día 12 de xuño, con saída ás 12:00 horas da Alameda compostelá.

Os integrantes da Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública, desde organizacións estudantís e sindicais como a CIG, até colectivos investigadores, continúan coa súa campaña de mobilizacións en contra do proxecto de universidade privada que, auspiciada por Abanca e promovida polo goberno do PP na Xunta de Galiza, pretende implantar un modelo de ensino superior privado no noso país.

A CIG rexeita este intento do PP de privatizar a universidade convertendo as ensinanzas superiores nun suculento negocio para que entidades financeiras como a de Escotet se lucren co mercadeo das titulacións universitarias. Unha licenza universitaria que lle vai dar a posibilidade de enriquecerse e de segregar a parte do alumnado da universidade pública, nomeadamente a aquel que teña máis recursos ou o que, como no modelo estadounidense, se endebede de por vida.

Advirte do enorme problema que isto provocará para o futuro da universidade pública, tanto para o seu financiamento, pola perda de alumnado e de investimento privado, como pola posible perda de titulacións. Por iso anima a toda a sociedade galega a mostrar o seu apoio á universidade pública e o rexeitamento á privatización acudindo á manifestación.