A CIG chama o persoal do transporte en autobús a manifestarse contra a imposición patronal do acordo que foi rexeitado en votación
A reunión da mediación que tivo lugar este venres resultou, unha vez máis, un teatro inconcluso que alonga o proceso negociador co único obxectivo de maquillar a sinatura do acordo que o 70% do persoal xa rexeitou en votación. Con estas manobras dilatorias, a patronal quere castigar as traballadoras e traballadores pola súa capacidade de loita e a negativa a asumir un convenio colectivo insuficiente e que ademais suporía un retroceso en dereitos xa recoñecidos.
Diante disto, a CIG anima ao persoal do transporte de viaxeiros/as por estrada da provincia da Coruña a participar na manifestación que terá lugar o próximo domingo, 22 de febreiro, con saída ás 12 horas da estación intermodal de Compostela e remate na Praza do Toural.
Na xuntanza deste venres, a patronal respondeu aos puntos presentados por CCOO na anterior reunión, quedando este sindicato de contestar o vindeiro luns se acepta as aclaracións patronais e asina o texto con base no acordo ao que o persoal xa desbotou. Mentres UGT mantívose na súa posición de ir a un convenio de eficacia limitada.
“Estamos a un paso máis de que se consume a traizón ao sector”, valoraba Ernesto López Rei á saída da xuntanza, quen apuntou que na súa resposta de hoxe, a patronal mesmo empeora algunhas cuestións recollidas no acordo, como o prazo de entrega dos cuadrantes ou o plus de xornada continuada, onde agora inclúen unha cláusula nova de 50km de distancia no servizo que substituiría o cobro doutros pluses.
“A CIG non vai asinar ese texto nin coas pequenas mudanzas introducidas hoxe, algunhas das cales só xeran máis confusión como a regulación da dieta de banda horaria, xa que suporía asumir a proposta empresarial de reeditar un acordo que foi desbotado polo persoal”, aseverou López Rei. Engadiu que constituiría unha auténtica “falta de respecto á democracia e unha fraude de dereito” non respectar a vontade das 831 persoas traballadoras que na votación do pasado 4 de febreiro manifestaron “con tanta rotundidade a súa oposición a este acordo”.
A patronal buscou entorpecer e deixar sen contido real a mediación
Neste senso, o sindicalista criticou a actitude da patronal de torpedear e deixar sen contido real esta mediación e denunciou a negativa empresarial a negociar coa central maioritaria “apostando pola ruptura da unidade sindical e impoñendo as súas condicións, que foron aceptadas por UGT e CCOO”.
Tal e como reflectiu na acta desta reunión, a CIG advertiu que en todo este proceso mediador nunha existiu unha negociación real e que se estiraron as costuras das relacións laborais no marco institucional para contentar a patronal, en particular a unha empresa, Grupo Monbús. Para a central nacionalista esta situación resulta de extrema gravidade e racha cos consensos e o espírito do AGA que até agora permitiron resolver conflitos máis complexos.
Para informar do contido da reunión de hoxe e abordar a resposta a dar, a CIG ten convocadas asembleas de traballadores e traballadoras para esta noite na Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol.