A CIG clama contra a inacción da Inspección, os incumprimentos en igualdade e a discriminación salarial das mulleres

Centos de delegadas participaron no XII Encontro Nacional de Mulleres, tras o que tivo lugar unha protesta na autoridade laboral en Vigo
Vigo - 07 Xun 2023

Varios centos de delegadas e delegados sindicais da CIG de todo o país mobilizáronse hoxe en Vigo diante da Inspección de Traballo para reclamar “unha acción real e efectiva” da autoridade laboral diante das numerosas denuncias presentadas pola central sindical ante os incumprimentos das empresas en xeral e nomeadamente en materia de igualdade e para rexeitar a discriminación salarial que padecen as traballadoras. Previamente á protesta tivo lugar o XII Encontro Nacional de Mulleres, convocado pola Secretaría das Mulleres da CIG no marco da campaña 'Imos rematar coa fenda salarial' para abordar estas diferencias retributivas, identificar as causas, exemplificar con casos concretos e reclamar medidas urxentes para rematar con esta situación.

Durante a concentración diante da sede da autoridade laboral, na rúa Cánovas del Castillo, despregáronse varias faixas e berráronse consignas como “Máis inspección, menos inacción”, “Non somos escravas, somos traballadoras”, “A igual traballo, igual salario”, “Menos discursos e máis recursos”, “A Inspección non cumpre a súa función”, “Imos rematar coa fenda salarial” ou “Estamos fartas de ser discriminadas”. 

O desleixo da Inspección coas denuncias da CIG contrasta co celo que se pon en recabar da nosa central documentación que acredite o cumprimento pola nosa parte de cuestións similares ás que estamos denunciando

A secretaria confederal de Organización, Susana Méndez, explicou que o obxectivo da mobilización é esixirlle ao organismo estatal “unha verdadeira acción que remate coas discriminacións e atropelos que viven as traballadoras e os traballadores nos seus centros de traballo diariamente”. A responsábel sindical indicou que a protesta responde a que “só percibimos parálise e silencio de quen ten que velar por que se cumpran as condicións laborais recollidas nos convenios e no Estatuto dos traballadores/as”.

Como exemplo puxo as numerosas denuncias que formuladas sobre discriminacións salariais das mulleres en diversas empresas. “Só a esta oficina da Inspección na que hoxe estamos a CIG trouxo nos últimos dous anos case 40 casos sobre esta problemática; e deles, só constan tramitados 17, sen que se saiba se houbo actuacións ou que actuacións se levaron a cabo no resto de denuncias”.

Por iso esixiu da autoridade laboral “que se poña mans á obra, porque non pode ser que quen ten que exercer o control sobre o cumprimento das condicións laborais estea a practicar semellante inacción”. Neste senso, considera “cando menos curioso” que ese “desleixo” da Inspección coas denuncias da CIG contraste co “escrupuloso celo que se pon en recabar da nosa organización sindical, requirimento tras requirimento, documentación que acredite o cumprimento pola nosa parte de cuestións similares ás que estamos denunciando diariamente”.

Até o punto de que, segundo sostivo, se a Inspección puxera o mesmo empeño en requirir e esixir das empresas a verificación do cumprimento das condicións laborais e da lexislación en materia de igualdade “a cousa sería ben diferente para a clase traballadora galega en xeral e para as mulleres en particular”.

Encontro Nacional de Mulleres

A xornada reivindicativa comezou ás 10:00 horas no Auditorio Municipal vigués, onde se celebrou p XII Encontro Nacional de Mulleres da CIG. “Coa campaña 'Imos rematar coa fenda salarial´ pretendemos evidenciar, explicar e denunciar a discriminación salarial coa que se expresa a desigualdade no ámbito laboral”, sinalou ao inicio da súa intervención a secretaria confederal das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro.

Lembrou que a central sindical leva anos denunciando todo tipo de desigualdades de xénero no traballo, “e somos conscientes de que se trata dunha inxustiza estrutural que ven determinada por un sistema capitalista e patriarcal responsábel da división sexual do traballo que a sociedade acepta como natural”. Por iso esta campaña se centra en visibilizar as causas que a motivan e dar pasos cara a súa erradicación. “Porque a fenda salarial é a mostra da menor valía que nos concede esta sociedade por sermos mulleres, fainos dependentes no económico e condiciona o acceso a bens e recursos en igualdade de condicións”.

Tal e como detallou, a fenda salarial en Galiza situábase no 18,6% en 2021, segundo datos da Axencia Tributaria. “Por tanto, as traballadoras galegas percibimos de media polo noso traballo 4238 euros anuais menos que os nosos compañeiros”. Mais nos sectores feminizados, como na rama de actividade de outros servizos persoais e de ocio, a fenda sitúase no 30%, con ingresos medios que apenas superan a metade do SMI.

Neste senso, fixo fincapé en que discriminación salarial é tamén que o 42,4% das mulleres galegas obtivesen ingresos inferiores ao SMI. “Se facemos unha comparativa entre actividades do mesmo valor, con similar exixencia de preparación e de dificultade, de sectores feminizados con sectores masculinizados, vemos que a fenda se dispara e chega até o 45%”. 

As traballadoras galegas percibimos de media polo noso traballo 4238 euros anuais menos que os nosos compañeiros

Castro denunciou que a desvalorización do traballo das mulleres, ademais de empobrecelas, sitúaas nunha posición subalterna no mercado de traballo. De xeito que ao accederen ao emprego, aínda que teñan unha maior preparación, réstaselle valor ao que saben e ao que fan. “Como resultado, as nosas condicións son máis precarias, traballamos de forma temporal un 5,5% máis que os homes (en 2022), con maior contratación a tempo parcial (o 77% do traballo parcial desempeñámolo as mulleres en 2022) e ocupamos os traballos peor remunerados”. Porque os traballos dos sectores feminizados -aínda que en situacións límite como a pandemia demostraron seren esenciais- seguen a ser peor considerados socialmente.

Esta depreciación do traballo das mulleres ten a ver co rol que lles reserva o capitalismo patriarcal, que se apropia do seu traballo de balde cando realizan tarefas no fogar e que lles asigna traballos reprodutivos, fronte aos produtivos destinados aos homes principalmente Por outra parte, durante moito tempo restóuselle importancia ao traballo das mulleres fóra do fogar porque se entendía que era prescindíbel, só un complemento para a economía familiar.

Na actualidade, debido á insuficiencia dos salarios, o traballo das mulleres faise imprescindíbel, mais prevalece a minusvaloración a través da segregación ocupacional.
Así, os salarios dos convenios de sectores e empresas feminizadas son, como media, arredor do 30% inferiores aos salarios dos convenios de sectores masculinizados (máis de 500 euros mensuais) e esta diferenza aínda se incrementa coa asignación de complementos salariais que reciben principalmente categorías ocupadas por homes ou que se asignan a determinadas actividades ou condicións asociadas especialmente aos traballos masculinizados.

Por último, a responsábel sindical fixo referencia aos efectos negativos da maternidade ou dos coidados familiares que asumen as mulleres aínda de forma moi maioritaria. “As dificultades para a conciliación levan a compatibilizar a través das reducións de xornada ou ao abandono do traballo remunerado, coa mingua que iso vai supor na nosa carreira profesional, no tempo de cotización, etc”. Como consecuencia, a fenda vaise agrandando a medida que se avanza en idade e cando chega o momento da xubilación xa se sitúa no 34,1%; “ou o que é o mesmo, as mulleres cobramos como media preto de 400 euros mensuais menos”.

Dobre escala salarial 

Sobre as causas destas desigualdades económicas, Ester Mariño matizou que a infravaloración dos traballos realizados polas mulleres é transversal, chamando a atención sobre como se utiliza a asignación dos complementos para perpetrar as diferenzas retributivas, sendo común atopar complementos que reciben principalmente categorías ocupadas por homes ou que están asociados aos traballos masculinizados. Aí están os exemplos do complemento de antigüidade nos sectores masculinizados, os de dispoñibilidade "que chocan formalmente co dereito de conciliación" ou os asociados á forza física.

Dentro dunha mesma estrutura salarial, denunciou Mariño, ocorre que as categorías feminizadas teñen peor remuneración, incluso existindo unha dobre escala salarial no mesmo convenio na que encadrar en diferentes categorías a mulleres e homes que realizan traballos do mesmo valor.

A técnica de igualdade reiterou que os salarios dos convenios de sectores feminizados adoitan ser bastante inferiores aos dos sectores masculinizados, cunha diferenza dun 30%, só no concepto salario base, o que supón máis de 500 euros mensuais, que se ve incrementada coa asignación de complementos salariais.

Comparando entre categorías iguais, as diferenzas entre os convenios masculinizados e os máis feminizados, son demoledoras e aumentan a medida que se require máis cualificación: detéctase unha fenda do 45% (o que supón 1106 euros mensuais menos) entre a categoría de titulado/a superior no convenio de oficinas e despachos de Pontevedra e o da construción desta mesma provincia.

Por todo isto a Secretaría das Mulleres da CIG decidiu poñer en marcha esta campaña, que se iniciou o pasado 29 de maio cunha primeira mobilización diante das instalacións de COPO Galicia en Mos, empresa da automoción na que as traballadoras ingresan de salario base uns 6000 euros menos ao ano que os seus compañeiros homes.