A CIG clama contra o despido de dous candidatos ás eleccións sindicais en Revi

A federación de Industria desenvolveu unha protesta diante das instalacións da empresa ourensá
Ourense - 05 Mai 2022

A federación de Industria da CIG de Ourense desenvolveu onte unha mobilización ás portas de Revi, na estrada a Castro de Beiro, contra a represión sindical na compañía dedicada á fabricación de condutores eléctricos e tubarías, tras o despedimento de dous candidatos da central ao comité de empresa.

Dende a CIG-Ourense denuncian que ao propietario de Revi non lle interesa que se conforme o comité de empresa porque entón verase obrigado a cumprir o convenio e a lexislación laboral e terá que negociar “no canto de impoñer”.

Sosteñen que “cos despedimentos inxustos e represivos tratan de cortar de raíz un movemento que só busca mellorar as condicións laborais do persoal do Grupo Revi”, por iso comunicaron as rescisións de contrato o mesmo día en que se presentou o preaviso de eleccións sindicais. Os afectados están dispostos a loitar até conseguir a súa readmisión, de igual xeito que a CIG vai facer para obrigar a empresa a dar marcha atrás na súa decisión.

Finalmente, e ante a posibilidade de que se presenten candidaturas alternativas ao proceso, dende a central sindical sinalan que calquera candidatura que non apoie a loita dos compañeiros inxustamente despedidos para simple feito de convocar eleccións sindicais non responderá aos intereses dos traballadores/as de Revi.

“A única candidatura para conseguir avanzar é apoiar os afectados até lograr a súa readmisión e para que se poidan celebrar unhas eleccións sindicais limpas e democráticas nas que o persoal escolla libremente os seus representantes sen represión antisindical, sen despedimentos e sen intromisións”.