A CIG clama en Ourense contra o peche de oficinas e a destrución de emprego no BBVA

Persoas traballadoras e delegadas sindicais desenvolveron concentracións hoxe nas rúas do Paseo e Xoán XXIII
Ourense - 18 Nov 2025

A sección sindical da CIG no BBVA continúa coa campaña de mobilizacións para rexeitar a política que está a aplicar a entidade consistente en peche de oficinas e amortización de postos de traballo, o que dispara a sobrecarga laboral, as dificultades para conciliar e o deterioro na atención que se presta á clientela.

Nesta ocasión persoas traballadoras e delegadas sindicais desenvolveron concentracións en Ourense, diante da oficina da rúa Xoán XXIII de 11:00 a 11:30 horas e na da rúa do Paseo 11:35 a 12:00 horas. Dende a central sindical denuncian que o BBVA vai proceder este venres á clausura da primeira das oficinas e ao traslado das dúas persoas empregadas a unha nova ubicación que a estas alturas aínda non se coñece. Polo que a partir de entón a oficina da rúa do Paseo terá que facerse cargo da clientela que até o de agora se atendía entre as dúas oficinas.

Estas decisións empresariais responden ao modelo de negocio que está implantando “a marchas forzadas” a entidade, apoiándose na dixitalización forzosa da clientela e nunha atención remota (centros CSE), “algo que contradí o que publicamente defende o banco en relación co servizo e a atención aos colectivos vulnerábeis”.

Ao mesmo tempo, dende a CIG-BBVA critican que despois da falida OPA hostil contra o Banco Sabadell, a dirección do BBVA “decide agora fechar oficinas para reducir custos e seguir aumentando aínda máis os escandalosos beneficios co fin de tentar xustificar as súas obscenas e inmerecidas retribucións”. Uns peches levan parella unha redución de persoal na rede coa consecuencia de que hai menos persoal para o mesmo número de clientes, que segue demandando atención presencial.

Brutal aumento da carga de traballo

As oficinas que quedan asumen o negocio das oficinas que pechan pero co mesmo persoal que xa tiñan. “O proceso de reestruturación do modelo de negocio do BBVA, alerta a sección sindical da CIG, aumenta brutalmente a carga de traballo das persoas que quedan nas oficinas, incrementando de xeito exponencial os riscos psicosociais”.

Subliñan ademais que o banco pecha oficinas en barrios de cidades como Compostela e Ourense, deixando sen servizo a amplos núcleos de poboación “que se ven obrigados a desprazarse a outras zonas da cidade ou realizar os trámites online, o que, no caso dos colectivos vulnerábeis, dificulta o acceso ao banco e contribúe á exclusión financeira”.

Ante este escenario, a CIG dirixirase ao Defensor do Pobo expoñendo as nefastas consecuencias que para o persoal e a clientela ten a implantación deste modelo de negocio, e requirindo a intervención do Ministerio de Economía e do Banco de España, “para que fagan cumprir ao BBVA a legalidade e os seus compromisos sociais”.