A CIG clama en Vigo contra a precariedade na automoción e demanda políticas que garantan o futuro do sector

Delegados/as sindicais e traballadores/as marcharon entre o polígono do Caramuxo e Citroën
Vigo - 25 Abr 2019

Arredor dun cento de delegados/as sindicais e traballadores/as da automoción viguesa mobilizáronse hoxe na cidade convocados/as pola CIG para alertar do descenso da actividade no sector, rexeitar a crecente precarización do emprego e reclamarlles ao Goberno español e á Xunta políticas que garantan o futuro da industria galega do automóbil ante a transformación que atravesa pola chegada de novas tecnoloxías e a aprobación da lei de cambio climático e transición enerxética.

“Non á precariedade na automoción”, “Sen industria non hai futuro”, “Fóra as ETT da automoción”, “Traballo digno na nosa terra”, “Non, non, non, á deslocalización” “Convenios dignos na automoción” ou “Futuro industrial para Galiza” foros as consignas que máis se escoitaron durante a marcha que transcorreu entre o polígono do Caramuxo e as instalacións do grupo PSA Peugeot Citroën na Zona Franca viguesa e na que participou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.

Unha vez alí, o secretario nacional da federación de Industria da CIG, Xoán Xosé Bouzas, sinalou que a protesta fai parte da campaña que a central sindical está a desenvolver en resposta ao esmorecemento e precarización dunha industria estratéxica para o noso país e fundamental para as bisbarras de Vigo e Ourense.

Documento coas principais propostas

Bouzas lembrou que a CIG-Industria presentou recentemente un documento no que recolle unha serie de propostas para afrontar o futuro do sector galego do automóbil ante a transformación que está a experimentar como consecuencia da aplicación de novas tecnoloxías e da crise dos motores diésel derivada da aprobación da lei de cambio climático transición enerxética.

Como consecuencia, considerou fundamental apostar por vehículos menos contaminantes (híbridos, eléctricos e híbridos a gas); así como polo coche autónomo, de alto valor engadido, e no que a industria galega está a quedar nunha posición moi feble a respecto doutros países. “É necesario que a Xunta faga pública as axudas públicas a este proxecto, e que cantidade delas quedan aquí ou se invisten en Portugal, país que si está a apostar estratexicamente polo coche autónomo”.

“É fundamental fabricar vehículos de alto valor engadido e non de produtos de baixo custe, xa que isto obriga as empresas a competir entre elas para ver quen fabrica máis barato, precarizando as condicións laborais, para poder así posicionarse no mercado”, indicou.

Estratexia galega de sector

Entre as medidas que permitirían camiñar cara a unha industria da automoción “forte e consolidada” salientou a elaboración unha estratexia galega de sector que permita afrontar os retos derivados da aprobación da lei de cambio climático e transición enerxética, que suporá a desaparición dos motores diésel; contar cunha política enerxética de país que reduza os custes e permita maior competitividade mediante unha tarifa eléctrica propia; implementar un plan de rexuvenecemento dos cadros de persoal para garantir o relevo no sector; e adaptar a formación profesional pública á nova realidade tecnolóxica derivada da coñecida como industria 4.0 ou cuarta revolución industrial.

Por último, indicou que o documento inclúe tamén unha serie de propostas sectoriais, como a creación dunha mesa galega do automóbil integrada polo Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (CEAGA), as centrais sindicais e as tres universidades; o compromiso de todo o sector de non afondar na precariedade laboral, non abusando da contratación por ETT, multiservizos ou centros especiais de emprego; a aplicación do convenio sectorial ou da empresa principal a todos os traballadores/as do sector; e impulsar un plan galego para a automoción no que se recollan medidas de apoio a I+D+i, especialización para a produción de vehículos de alto valor engadido e optimización de procesos produtivos, “pulando polo aproveitamento das sinerxías entre as factorías principais e a industria secundaria”.