A CIG-Industria clama polo mantemento do centro de control de Iberdrola en Ourense

Carril insta a Xunta a actuar de inmediato para evitar o peche da instalación e o traslado a Salamanca

A Rúa -

A CIG desenvolveu hoxe unha concentración diante do Centro de Operación de Cuenca (COC) do río Sil, situado na localidade ourensá da Rúa, para denunciar o seu peche por parte de Iberdrola e instar a Xunta a actuar de xeito inmediato para garantir o mantemento desta instalación en Galiza.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que participou na mobilización, sinalou que “dende o noso punto de vista o peche non está xustificado, non existe ningunha causa, e amosa o permanente espolio dos nosos recursos naturais e enerxéticos, que fai que nin tan sequera o centro de control poida permanecer aquí”.

Neste senso, incidiu en que a produción de enerxía en territorio galego non xera ningunha actividade económica nin supón creación de emprego. “Máis ben ao contrario, veñen a espoliar os nosos recursos sen crear emprego nin contribuír á industrialización do país”.

Por iso lle reclamou a Iberdrola que cese no seu intento de pechar o centro de control para trasladalo a Salamanca e instou a Xunta, “que ten todas as competencias para impedir esta atrocidade”, a actuar de xeito inmediato na busca dunha solución que garanta a continuidade da instalación.

“Atopámonos nun momento crítico, de crise económica, nunha provincia e nunha comarca cun grave problema de desemprego, polo que temos que denunciar que en pleno proceso de transición enerxética os recursos naturais galegos e a produción de enerxía seguen a engordar os beneficios millonarios de empresas como Iberdrola ou Naturgy sen que no noso territorio se xere máis que degradación medioambiental”, criticou.

Finalmente, lembrou que a central sindical tenlle solicitado á Vicepresidencia da Xunta, que ten as competencias en materia enerxética, que inicie as xestións necesarias para evitar o a clausura do centro. “Non se pode entender que unha instalación como esta, que xera tan pouco emprego, nin sequera se poida manter en Galiza”, rematou.

Modernización das instalacións

Pola súa banda, o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi fixo fincapé en que Iberdrola é unha empresa privada que fai negocio mediante a explotación de recursos naturais públicos. “Aprovéitase dos nosos recursos naturais, pero o centro operativo de lévao fóra do país”, censurou.

Amosouse convencido de que a decisión vai ter un elevado impacto nesta comarca do rural galego e lamentou que se trate “dun paso máis no proceso de desertización industrial que atravesamos”. Así, indicou que o que está a acontecer é resultado da falta dunha política industrial e enerxética por parte da Xunta, un novo caso que sumar aos de Endesa, Naturgy, Alcoa, Alu Ibérica, Ferroatlántica, Xeal, Siemens-Gamesa, Poligal, etc.

Asegurou que os motivos que esgrime a empresa non son máis que escusas, e animouna a investir na modernización das instalacións e dos equipos. “Hai que actualizalos tecnoloxicamente; o mesmo que está a facer en Salamanca pódese facer na Rúa”.

Na súa opinión, trátase dunha decisión empresarial coa que se busca reducir custes. “Non van ofrecer un mellor servizo, e nin os criterios técnicos e económicos xustifican a centralización das labores de supervisión en Salamanca”. Ao mesmo tempo, alertou de que “se reducen recursos e presenza verase comprometida a seguridade”.

Por todo isto, reiterou que a CIG esixe o mantemento en Galiza de todas as instalacións dende as que se supervisan as centrais hidroeléctricas de Iberdrola, así como de todos os postos de traballo que xeran. “Polo tanto, todas as operacións de control dos recursos enerxéticos galegos teñen que permanecer no noso país”.

Volver