• Nova

A CIG-Compostela e a Federación de Banca homenaxearán a Freixido, do Pastor, o 10 de outubro

Recoñecido cadro histórico do sindicalismo e un “bo e xeneroso” finou o pasado 29 de xullo
Compostela - 02 Out 2019

A CIG-Compostela e a Federación de Banca celebrarán, o vindeiro xoves, día 10 de outubro, ás 17:30 horas, un acto de homenaxe ao compañeiro Anxo Freixido, coñecido na comarca como o do Pastor, no cementerio de San Xían de Sales, en Vedra, falecido o pasado 29 de xullo. Para poder facer unha previsión de asistencia ao convivio posterior podédesvos anotar aquí.

A comarca de Compostela e a federación de Banca queren así lembrar ao compañeiro “Freixido do Pastor”, un bo e xeneroso, un cadro histórico do sindicalismo no sector da banca, que foi delegado da CIG no comité de empresa do Banco Pastor na Coruña. Comité no que a CIG tivo durante décadas o apoio maioritario dos traballadores e traballadoras, encadeando maiorías absolutas consecutivas froito dun labor sindical no que Freixido foi unha peza fundamental, mais do que tamén hai que destacar a súa humanidade.

O seu compromiso fixo que ao longo da súa traxectoria sindical asumira distintas responsabilidades tanto na Federación da Banca, na que foi membro do Secretariado Nacional e ocupou o cargo de secretario comarcal durante moitos anos, como na propia Unión Comarcal de Compostela, entregando parte da súa vida ao proxecto CIG.

Freixido do Pastor era un cadro militante pola liberdade de Galiza e na defensa da clase traballadora. A súa relación laboral extinguiuse nun dos últimos ERE's do Banco Pastor-Popular, pero mantivo o seu compromiso até o final, participando solidariamente nas mobilizacións convocadas en defensa dos traballadores e traballadoras, por Galiza, pola nosa cultura, ou a nosa lingua.

A marcha de Freixido deixou en todas as persoas que tivemos a fortuna de coñecelo unha pegada imborrábel, pero sobre todo un exemplo, polo seu compromiso e pola súa sensibilidade, humanidade e empatía cos problemas dos seus compañeiros e compañeiras.