A CIG concéntrase na planta de Vertex por unha transición xusta nos carburantes e biocarburantes

Demanda dos gobernos un plan de actuación e ás empresas que fagan os investimentos necesarios
Curtis - 02 Dec 2021

A CIG continuou este xoves cunha concentración diante da planta de Vertex Bioenergy de Curtis, o calendario de mobilizacións para esixir unha transición galega xusta no sector dos carburantes e biocarburantes, que garanta, no marco do proceso de descarbonización da economía, a posta en marcha de alternativas de industrialización e creación de postos de traballo nos territorios afectados.

Con estas mobilizacións, indicou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quérese reclamar dos gobernos español e galego a creación dunha mesa de traballo na que abordar as medidas a pór en marcha para garantir que haxa "transición e non demolición". "Preocúpanos que o que está a pasar nas Pontes ou Meirama se repita no sector dos carburantes e biocarburantes", manifestou.

Medidas de futuro

Entende que hai que reivindicar unha política industrial sustentábel, pero este proceso ten que ser xusto e non supor o desmantelamento industrial de comarcas enteiras "sen ofrecer alternativas nin proxectos que permitan a xeración de postos de traballo". Por iso, no pasado mes de xullo, a CIG remitiu un escrito ao Ministerio pedindo un plan de actuación que dea solucións de futuro e garantías de continuidade do emprego", apuntou Carril.

Esta plan, engadiu, ten que conter medidas para a transformación das refinerías en biorefinerías; a transición cara aos biocombustíbeis de segunda xeración, con materias primas sostíbeis e buscando as sinerxías con outras industrias coa elaboración de subprodutos; e unha aposta polos biocombustíbeis como combustíbeis de transición na mobilidade até que se alcancen os obxectivos marcados para a mobilidade eléctrica.

Pero para poder levar adiante estes mudanzas "o goberno español e a Xunta teñen que estar dispostos a dispoñer un marco lexislativo adecuado e financiamento real. O proceso de transición esixe de políticas públicas e que os gobernos non sigan eludindo a súa responsabilidade, mentres permiten que sexan os consellos de administracións das grandes empresas as que fagan o seu lavado verde sen ter en conta as consecuencias sociais, económicas e laborais das súas decisións".

Neste senso, Carril lembrou que, cando hai un ano se iniciou a elaboración da Lei de Cambio Climático, a CIG xa advertiu da necesidade de buscar solucións para un sector estratéxico como o dos carburantes e biocarburantes. "Por iso estamos hoxe aquí", subliñou Carril, quen demandou tamén ás empresas que clarifiquen cales son os seus plans de futuro e fagan os investimentos precisos nas plantas.

Hai que subliñar que na proposta remitira ao MITECO, a CIG defende que non se conceda ningún tipo de fondos públicos, nin se outorgue autorización, concesión e adxudicación de MW a aquelas empresas do sector afectado, que non garantan a continuidade do emprego.

Concentración en Masol Iberia

A CIG proseguirá co calendario de mobilizacións o vindeiro xoves, 9 de decembro, no Porto Exterior de Ferrol cunha concentración ás 10 horas diante de Masol Iberia Biodiésel.