A CIG concentrarase o 25 de marzo na Delegación do Goberno para esixir a derrogación íntegra das reformas e unha axenda social

No marco campaña de CIG, ELA e I-CSC para impulsar cambios legais no Congreso
- 22 Mar 2021

CIG, ELA e a Intersindical-CSC teñen convocadas mobilizacións simultáneas para o vindeiro xoves 25 de marzo en Galiza, Euskal Herria e Cataluyna para esixir a derrogación íntegra das reformas laborais e da negociación colectiva e reforzar a axenda social, diante da grave situación xerada pola pandemia e o empobrecemento xeneralizado da clase traballadora.

Neste contexto, a CIG realizará unha concentración o día 25, ás 11:00 horas, diante da Delegación do Goberno na Coruña (Praza de Ourense, s/n).

A concentración será ás 11h diante da Delegación do Goberno na Coruña

Dentro desta campaña, as tres centrais sindicais solicitaron unha reunión coa ministra de Traballo, Yolanda Díaz, para a que aínda non recibiron resposta; e a pasada semana mantiveron unha xuntanza telemática cos representantes dos grupos cataláns, galego e vascos no Congreso. Os representantes sindicais chamaron a BNG, ERC, JxCAT, PNV, EH Bildu e CUP a forzar, canto antes, os cambios legais necesarios para impedir que, unha vez se poña fin aos ERTE, estes se convertan en ERE, grazas a unha reforma laboral que facilita os despedimentos colectivos ao non precisar as empresas da autorización administrativa algunha.

CIG, ELA e I-CSC subliñan tamén a necesidade de que se recoñeza o dereito a decidir nas respectivas nacións o modelo de relacións laborais, pensións e protección social para mellorar as condicións salariais e as condicións de traballo.

Neste senso, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, pon o acento en que o actual modelo de estatalización da negociación colectiva ten provocado unha maior precarización e empobrecemento da clase traballadora, ao dar prioridade aos convenios estatais sobre os provinciais e deteriorar os convenios sectoriais e de empresa. Por iso reclama que se remate cun modelo que afasta a negociación colectiva das e dos traballadores, mais que tamén impide a participación dos sindicatos que democraticamente os representan para pechar acordos sobre as condicións de traballo en calquera sector.

Sistema de protección social xusto

Con esta campaña, as centrais sindicais demandan tamén unha axenda social para que, entre outras cuestións, se articule un sistema de protección social forte, unha fiscalidade progresiva e un tecido produtivo sostíbel con salarios e condicións laborais dignas.

Uns obxectivos que, matiza Carril, non se poderán acadar se non se procede á "inmediata derrogación total, non parcial, das reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións e a aprobación dunha nova lexislación laboral e social que restitúa os dereitos roubados e recoñeza novos dereitos para frear as novas formas de explotación laboral que están inundando o mundo do traballo”.