A CIG concéntrase no porto de Brens contra o desabastecemento e paralización de fornos en Ferroatlántica

Villar Mir está creando as condicións para xustificar o ERE, desmantelar as fábricas e quedar só coas centrais

Cee -

A CIG convocaba a primeira hora da mañá unha concentración na entrada do porto de Brens, en Cee, para denunciar o desabastecemento de materias primas da fábrica de Ferroatlántica; a decisión de paralizar os fornos 13 e 14; a ameaza de posíbel ERTE ou ERE; o desvío de produción a outras empresas do grupo e as consecuencias que isto ten para o emprego na comarca, onde tanto os traballadores eventuais como os das auxiliares foron cesados, ou non chamados a traballar, desde o día 1 de xaneiro.

Ante esta situación, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que encabezou a mobilización, demandou do goberno da Xunta, como titular das concesións hidroeléctricas, que exixa a Villar Mir que garanta a viabilidade das plantas tanto en Cee-Dumbría como en Sabón.

Xunto a isto, demandou do goberno do Estado que fiscalice e paralice calquera tipo de compensación para Ferroatlántica das contempladas no RD 20/2018 para as industrias electrointensivas por incumprir a condición de que estas axudas estean vinculadas ao mantemento da actividade.

Carril denunciou que a paralización dos fornos non obedece a causas obxectivas, senón a un novo intento de Ferroatlántica de deslocalizar a produción e que se está formalizando xa un recorte do cadro de persoal antes mesmo de presentar os papeis do ERE.

Traballadores xa na casa

A este respecto lembrou que a empresa anunciou a presentación dun Expediente de Regulación de Emprego de 6 meses pero xa anticipou unha medida destas características porque desde o día 1 están sen traballar os fornos 13 e 14; os traballadores das auxiliares están cesados da actividade e na súa casa despedidos e os eventuais, que normalmente traballan cubrindo as baixas e as vacacións dos fixos non foron chamados e están, xa que logo, tamén na casa. Todas estas medidas afectan aos case 300 traballadores do cadro de persoal máis a eventuais e auxiliares, sobre 400 empregos directos.

O secretario xeral da CIG advertiu que esta é a primeira concentración pero haberá máis mobilizacións “se Ferroatlántica formaliza o ERE e non cesa nestas actuacións para xustificar un desmantelamento das fábricas”.

Para Carril o que hai detrás destas decisións empresariais é “o intento permanente de Villar Mir de só espoliar os nosos recursos, facerse coas centrais hidroeléctricas pero pechar as fábricas, algo que xa se puxo en evidencia hai dous anos coa loita contra a venda das centrais e que agora están aproveitando coa escusa da problemática da industria electrointensiva para xustificar unha decisión deste tipo”.

Por iso reteirou a exixencia ao goberno da Xunta de que faga valer as obrigas que ten o grupo Villar Mir de mantemento da actividade industrial en Cee, Dumbría e Sabón, que non está cumprindo. “A medida empresarial que anuncia este señor é un castigo ás fábricas galegas porque son as únicas que se están vendo afectadas polos resultados da poxa de interrompibilidade”.

Desvio da Francia a produción e desmantelamento en Galiza

En Cee-Dumbría xa ten habido EREs. Porén para o secretario xeral da CIG a situación é, desta volta, máis grave porque ademais de paralización de actividade, desde hoxe comezaron a cargar para Francia os minerais necesarios para o proceso produtivo, mantendo desde alí a produción que até o de agora se facía en Cee.

“É a primeira vez na historia que hai unha medida deste tipo” asegurou Carril quen sinalou que, segundo xustificaron –de palabra- a causa do ERE sería a poxa de interrompibilidade. Un ERE que non foi aínda formalizado pero que xa se ve, polos pasos que están a  dar, que “non estamos diante dun ERE habitual, como os que ten habido na fábrica, senón que hai o inicio dun desmantelamento evidente. Levantar as toneladas de mineral que están a levantar evidencia esta situación, porque dentro de tres meses se tes que arrancar non podes facelo porque non tes materia prima”.

Por iso concluíu que responsabilizar desta situación a poxa de interrompibilidade é unha simple xustificación para ir cesando actividade. “Villar Mir quere pechar as fábricas porque lle interesa só o negocio das centrais. E agora imos a un novo capítulo deste serial pero aproveitando a poxa de interrompibilidade para xustificalo”.

A fraude de Ferroatlántica

Ante isto, o secretario xeral da CIG denunciou que Villar Mir castiga ás fábricas galegas, xa que son as únicas afectadas polo resultado da poxa e asegurou que “é un paradoxo que Ferroatlántica, que é produtora de enerxía, poida pechar ou tome medidas de recorte de persoal porque non ten unha tarifa competitiva cando é produtora de enerxía”.

A isto engadiu que “é a demostración da fraude e corrupción que hai: eu produzo pero a produción de enerxía non a destino ás fábricas porque é máis económico gañar vendendo a produción hidroeléctrica ao Sistema Eléctrico Español e polo outro lado cobrar subvención porque son industria electrointensiva. É escandaloso”.

Volver