A CIG condena a agresión fascista a un compañeiro sindicalista das Pontes

A central chama a non cesar no combate fronte aos discursos de odio e os ataques ás liberdades fundamentais
As Pontes - 15 Out 2026

A CIG quere amosar a súa total condena e repulsa á agresión sufrida polo compañeiro Luis Castro da Unión Local das Pontes mentres colocaba unha faixa alusiva a un conflito laboral. A central nacionalista alerta do incremento deste tipo de ataques fascistas e insta a non calar nin deixar sen denunciar calquera acción que atente contra os dereitos e as liberdades democráticas.

O suceso produciuse a primeira hora da mañá do pasado martes, cando o compañeiro estaba el só colocando unha faixa con motivo da folga polo convenio colectivo no comercio de alimentación. Nese momento, achegóuselle un home que non coñecía proferindo insultos como “rojo de mierda” e “nacionalista de mierda”, reivindicándose como ultradereitista e ameazando con “voy a acabar con vosotros”. A seguir propinoulle varios puñazos na cara e nas costas polos que o compañeiro tivo que acudir ao centro de saúde das Pontes, de onde foi derivado ao hospital de Ferrol.

Os golpes ocasionáronlle a rotura dun dente e unha forte dor na zona da mandíbula e na zona lumbar. Dada a gravidade dos feitos, Castro tamén presentou a correspondente denuncia diante da Garda Civil.

Este é un exemplo máis do incremento da violencia física e verbal que se está dar contra a esquerda e nomeadamente contra o sindicalismo nacionalista, por todo o que representa de resistencia e loita fronte á dereita máis españolista e reaccionaria. Estas agresións e ataques hainos que entender no actual contexto sociopolítico no que formacións como o Partido Popular e Vox fomentan os discursos de odio e as mensaxes racistas, machistas e antinacionalistas mentres promoven unha exaltación aberta do franquismo e da represión.

Non hai que perder de vista tampouco que nas últimas semanas se produciron en Ferrolterra ataques contra as instalacións da Cruz Vermella e incluso pintadas no domicilio dun coñecido activista, cuxo obxectivo non é outro que sinalar, deslexitimar e ameazar a quen traballa na da xustiza social.

A clase traballadora e o pobo galego non poden ficar impasíbeis, nin situarse nunha equidistancia falaz cando o que está en cuestión son os dereitos laborais, as liberdades civís, os servizos públicos, o sistema de protección social ou o propio recoñecemento dos dereitos nacionais de Galiza. Para frear a barbarie fascista, cómpre intensificar a mobilización e a loita nas rúas e nos centros de traballo.