A CIG condena a decisión de Alcoa de formalizar o ERE porque rebenta calquera solución de continuidade dos empregos e da produción

A central sindical insiste na intervención pública da planta como a única saída viábel

Lugo -

Na reunión deste mércores, Alcoa comunicou que o 25 de xuño presentará de maneira formal o ERE de extinción para a fábrica de aluminio de San Cibrao. Con esta decisión "a empresa demostra a nula vontade por buscar unha saída e rebenta calquera solución que lle estabamos a formular de como abordar que o Goberno de inmediato aprobe unha tarifa industrial que permita crear un marco estábel do prezo da enerxía e que posibilite garantir os postos de traballo e a actividade produtiva".

Esta comunicación, ademais, explica o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, dáse nun contexto no que hai convocada reunión da mesa multilateral para o día 23, mais sen certezas e sen un calendario claro da aprobación do estatuto do consumidor electrointensivo e de todas as medida complementarias para crear ese marco estábel, "malia que así se lle ten demandando en varias ocasións ao Goberno español".

A isto hai que sumar a negativa do Executivo español a derrogar aqueles artigos da reforma laboral que permiten que Alcoa de forma unilateral poida despedir a 534 persoas do seu cadro de persoal e outras 400 das auxiliares, que tamén quedarán na rúa.

Neste senso, Paulo Carril reiterou que a situación á que Alcoa aboca ao persoal das empresas auxiliares non é un dano colateral, senón que a multinacional debe asumir como propia esta problemática, pois estes traballadores e traballadoras prestan servizos na fábrica de San Cibrao e aínda que deberían formar parte do cadro da principal, os seus postos foron externalizados co único obxectivo de abaratar custes laborais.

Á vista da precipitación dos acontecementos e da negativa de Alcoa a agardar polas medidas gobernamentais, a CIG insiste na necesidade de pór en marcha de inmediato os mecanismos para unha intervención pública e que a fábrica de aluminio retorne ao sector público onde naceu. Esta opción non só é legalmente posíbel, senón que é viábel, tal e como evidencia o exemplo da planta de Portovesme en Italia, de características moi similares ás da fábrica galega.

Volver