A CIG condena o proceso consumado en Brasil contra a Presidenta Dilma Rousseff

A central denuncia as medidas de criminalización que se están a tomar contra o movemento sindical e social e partidos políticos
A Coruña - 27 Mai 2016
A CIG quere expresar a súa profunda preocupación polos feitos acontecidos no Brasil en datas recentes, debido ás accións perpetradas pola oligarquía do propio país e o apoio desde o exterior do grande capital e as principais potencias, con EEUU á cabeza, contra a súa Presidenta, Dilma Rousseff, e a inmensa maioría das clases populares que a elixiron con máis de 54 millóns de votos no último proceso electoral celebrado en outubro do 2014.

Trátase dunha toma do poder político contra a orde democrática establecida, protagonizada polas forzas conservadoras ao servizo dos grandes grupos económicos locais e internacionais.

O proceso de impeachament aprobado polo Senado o pasado día 12 de maio é unha auténtica farsa, pois non hai ningún crime de responsabilidade configurado. A acusación central da oposición contra Dilma Rousseff para xustificar un xuízo político é a suposta violación de normas fiscais ao maquillar o déficit orzamentario de 2015. Porén, non se ten demostrado nin existen probas contra a mandataria, que reitera a súa inocencia.

Este proceso infrinxe tanto a legalidade como a lexitimidade, está viciado de ilegalidades e inxustizas e configura un vicio xurídico de desviación de poder por parte de sectores que no Brasil, e no seu entorno, se opoñen ás transformacións políticas e sociais emprendidas por algúns países da América Latina.

A desnaturalización das figuras xurídicas para levar a cabo fins e propósitos diferentes e opostos a aqueles para os que foron constituídas, trae como consecuencia unha evidente fraude constitucional, sobre todo cando a conduta imputada non está tipificada no Ordenamento Xurídico Brasileiro e non hai investigación conclusiva. Mais, a Presidenta xa foi posta fóra das súas funcións e substituída por un presidente que non se presentou como candidato a ese posto en ningún proceso electoral (nun sistema presidencialista), e que xa se está dando présa en aplicar as políticas neoliberais que favorezan a quen apoiou este proceso, e a conta de recortes sociais e de dereitos da maioría da poboación.

Con todos estes acontecementos, ábrese no Brasil un proceso de retirada de dereitos da clase traballadora e da poboación con menos recursos: diminución de salarios, flexibilización das relacións laborais, fin da valoración do salario mínimo, eliminación de dereitos civís fundamentais, privatizacións, redución de investimentos públicos en políticas sociais, educación e saúde,…

Os movementos sindicais e sociais xa están a sentir as medidas de criminalización contra os procesos de loita social que se están a aplicar polo novo poder.

O golpe parlamentario no Brasil non é un feito illado, pois outros mecanismos similares  viñéronse desenvolvendo na rexión, como aconteceu co Presidente electo de Paraguai, Fernando Lugo, e outros procesos e inxerencias que están acontecendo en diversos estados de Sudamérica (Venezuela, Bolivia, e intentárono tamén con Ecuador), auspiciados polas transnacionais e, sobre todo, os EEUU.

A CIG rexeita contundentemente estas accións e considéraas como un golpe de estado parlamentario, contra a primeira muller electa Presidenta do Brasil e que, seguindo o proceso iniciado no seu día por Lula da Silva, viña xerando políticas sociais que sacaron da pobreza a un importante número de persoas. Solidarizámonos co movemento sindical e social do Brasil, denunciando publicamente este proceso, e chamando á solidariedade a todas aquelas entidades o persoas individuais que o consideren, manifestando tamén o seu rexeitamento.