A CIG condena os bombardeos israelís na Faixa de Gaza

Solidarízase co pobo palestino na súa loita polo dereito de autodeterminación
Internacional - 10 Mai 2019

A CIG manifesta, máis una vez a preocupación pola escalada de violencia na Franxa de Gaza e no Sur de Israel. Condena firmemente ao goberno israelí polos bombardeos e disparos contra a poboación de Gaza, que xa levan causado, segundo a ONU, máis de 29 mortes, incluíndo tres nenos/as e dúas mulleres embarazadas, máis de 200 feridos/as e destrución masiva de fogares. Estas cifras son aínda máis alarmantes se lle sumamos as máis de 200 persoas palestinas asasinadas e máis de 20 mil feridas polas forzas de represión de Israel ao longo de 14 meses de protestas populares pola Grande Marcha do retorno, como así se acredita recentemente no Relatorio da Comisión de Dereitos Humanos da propia ONU.

Esta escalada de violencia é un máis dos incontábeis capítulos da política que o goberno de Israel vén aplicando sistematicamente con total impunidade, de apartheid, opresión e violación constante do dereito internacional e férreo bloqueo contra os dous millóns de persoas que habitan nese territorio, ilegalmente ocupado en 1967, ademais de incumprir os acordos de alto o fogo para a Franxa de Gaza. Unha mostra máis de que o goberno de Israel, co apoio total dos EE.UU., xa ten renunciado a calquera perspectiva de solución política sobre a cuestión palestina, e non ten reparo en violar unha e outra vez os acordos, resolucións e planos internacionais de paz na rexión.

Resultan especialmente alarmantes as recentes declaracións do Primeiro Ministro de Israel, Netanyahu, nas que ameaza con anexar partes da Cisxordania, ilegalmente ocupada, e o apoio implícito dado por responsábeis da Administración norteamericana de Trump a estas declaracións.

Neste contexto, a CIG considera inaceptábeis as condenas unilaterais á parte palestina feitas polo portavoz do Secretario Xeral da ONU e pola Alta Representante da Unión Europea para Asuntos Exteriores, e á súa tímida chamada á “contención polas dúas partes”. Como se pode pór ao mesmo nivel ás dúas partes, cando a poboación da Franxa de Gaza está a ser masacrada nun territorio que é unha auténtica prisión e non ten sequera o dereito a fuxir dos constantes bombardeos de Israel, que mantén un bloqueo a un territorio sumido nun auténtico desastre humanitario, como manteñen diferentes institucións internacionais ( UNRWA, axencia da ONU para refuxiados/as palestinos/as)?

A CIG denuncia tamén o silencio ou a conivencia da chamada “Comunidade Internacional” que, ou ben garda silencio, ou reparte por igual a responsabilidade entre oprimidos e opresores. E condena de xeito especial o papel da UE e os seus estados membros, que manteñen os acordos de colaboración con Israel (a pesar de que no seu articulado cita expresamente a obriga, por parte de Israel, de cumprir os dereitos humanos), non só en materia económica, senón de defensa e seguridade.

A celebración do Festival de Eurovisión en Israel é un claro exemplo desta actitude, que non fai máis que lexitimar un réxime que está a violar constantemente os dereitos humanos. Ë por iso que nós chamamos e colaboramos cos movementos que chaman ao seu boicot.

A central sindical denuncia ademais o papel que están a xogar grande parte dos medios de comunicación, ao servizo do capital e o imperialismo, que silencian (ou manipulan) este grave problema humanitario, mentres cargan contra o goberno de Maduro en Venezuela (onde interesan os seus recursos naturais e acabar con un réxime que resulta incómodo para os intereses imperialistas en América Latina) e se xustifica a inxerencia ianqui nese e outros países da rexión, o seus bloqueos económico, a colaboración en intentos de golpes de estado ou as ameazas de intervención militar. 

En vésperas da celebración do aniversario da «Nakba», que supuxo a expulsión da poboación palestina e a creación do Estado de Israel no 1948, a CIG envía unha mensaxe de solidariedade ao pobo palestino na súa loita polo seu dereito de autodeterminación e o máximo respecto pola súa resistencia, diante da ocupación dos seus territorios e as continuas violacións de dereitos que veñen sufrindo, por riba dos dereito internacional.