A CIG conmemora un ano máis o 10 de Marzo con mobilizacións en varias localidades do país

Ferrol e Vigo volveron ser os principais centros de reivindicación da clase obreira galega

Nacional -

A CIG conmemorou un ano máis o 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, con mobilizacións en varias localidades do país, con Ferrol e Vigo como principais centros de reivindicación, mais tamén celebrou manifestacións en Santiago e Ourense e unha concentración de delegados/as en Vilagarcía. En Ferrolterra, ademais, a xornada coincidiu coa convocatoria dunha folga xeral contra o proceso de desmantelamento industrial que atravesa o norte da provincia da Coruña.

Nesta data lémbranse as loitas vividas no 1972, principalmente en Ferrol, e meses máis tarde en Vigo. Nestas mobilizacións de Ferrol foron asasinados pola policía franquista os traballadores da antiga Bazán Amador e Daniel, mártires do movemento obreiro galego contemporáneo e da loita contra a precariedade e polo dereito á negociación colectiva en Galiza.

Esta loita segue vixente, e con máis forza ca nunca. Neste momento imos camiño dun empeoramento da crise con ERE, peches de empresas, abaratamento nos despedimentos masivos, modificacións das condicións de traballo, descolgues salariais, inaplicación de convenios colectivos, imposición do teletraballo, impacto da dixitalización e descarbonización da economía, etc, que están estendendo a destrución de emprego, a pobreza laboral, pero tamén aumentando a desigualdade de xénero e a exclusión social.

Esta crise sanitaria, económica e social pon de manifesto as altas taxas de desemprego, temporalidade e parcialidade que golpea nunha parte moi importante da clase traballadora, pero tamén causa un forte debilitamento nos nosos sectores produtivos, tanto o agrario como o pesqueiro.

Novo saqueo á clase traballadora

Estamos comprobando que, de novo, se pretende saír desta crise cun novo saqueo á clase traballadora galega, con políticas máis centralistas que reforzan nas elites españolas a concentración de riqueza e de máis beneficios, aplicándose a fondo na chamada unidade de mercado e acudindo aos fondos europeos, que traerán novos recortes socias e máis empobrecemento ás clases populares.

Por todo isto, a CIG esixe cambios reais, un plano galego de recuperación económica, industrialización e creación de emprego digno na Galiza, de recuperación dos dereitos laborais e sociais sobre a base da derrogación das reformas laborais, dunha transición enerxética galega xusta, de reforzar os servizos públicos, de aprobar medidas urxentes de protección e dereitos sociais.

Volver