A CIG conmemora o 25 aniversario da súa constitución sendo primeira forza sindical en Galiza

“O traballo debe ser permanente para ser eficaces como ferramenta na defensa da clase traballadora”
Nacional - 15 Mar 2019

A CIG celebrou este venres o seu 25 aniversario, no decurso dun acto que coincidiu coa entrega dos Premios “8 de Marzo” e “10 de Marzo”, ao que asistiron o seu Consello Confederal e unha importante representación de fundacións e organizacións sociais, culturais e políticas do nacionalismo, ademais do Consello Galego de Relacións Laborais e da Inspección de Traballo. Os ex secretarios xerais, Fernando Acuña e Suso Seixo; o que foi o seu secretario confederal e presidente, Manuel Mera e o actual secretario xeral, Paulo Carril, salientaron a importancia da decisión adoptada naquel marzo de 1994: xuntar forzas para dotar á clase traballadora galega dunha ferramenta coa que loitar polos seus dereitos. Transcorrido un cuarto de século, esa ferramenta, a CIG, é hoxe a primeira forza sindical en Galiza.

Manuel Mera, secretario confederal desde 1994 até 1997 e Presidente da central sindical desde ese ano até 2001, quixo felicitar á CIG por ser a primeira en delegadas e delegados, “un dos retos que se conseguíu cumprir neste período histórico”, logo de terse conseguido tamén ser a primeira central sindical en afiliación e en capacidade de mobilización. “Tres dos piares sobre os que se asenta o sindicalismo para a construción de poder popular no camiño da liberación nacional e social”, afirmou.

Con todo, considerou que queda pendente “o reto máis difícil e fundamental, que é ser hexemónicos tamén no mundo das ideas”. A este respecto lembrou que a metade das mobilizacións que se producen en Galiza son sindicais e que, porén, “este enorme protagonismo da clase traballadora é ignorado polos medios de comunicación e non é capaz de condicionar a actividade política”.

Por iso sinalou como reto “converter esta inmensa mobilización da clase traballadora, enormemente fracturada, a través dunha mensaxe aglutinadora, que sexa capaz de unificar todos os aspectos da loita de clases nun proceso de cambio”.

Os pés, a cabeza e o corazón en Galiza

Fernando Acuña, primeiro secretario xeral da CIG, entre os anos 1994 e 2001, arrincou a súa intervención lembrando unha das seis ideas forza aprobadas no congreso de unificación, na que se sinala que “a CIG non quere ser só unha representación das traballadoras e traballadores, senón a súa principal organización” e na que afirma que “ningún dos principais problemas de Galiza se vai resolver favorablemente para o pobo se este non toma conciencia da súa propia identidade e traduce esa conciencia en organizacións propias e soberanas”.

Salientou que a partir de aí, nas primeiras eleccións sindicais a CIG xa conseguiu situarse como primeira forza en Vigo, nas seguintes en Pontevedra “e a partir de aí en todo o país” e resaltou que isto foi grazas a aquela decisión e ao “mérito de ter apostado polo pluralismo tanto na composición da central sindical como no funcionamento orgánico interno”.

Xunto a isto, Acuña, salientou a importancia da CIG ter un perfil propio porque “todos os sindicatos teñen os pés en Galiza, pero a CIG ten tamén o cerebro e o corazón”. Un perfil propio “de contrapoder” que “contrasta co sindicalismo de acompañamento institucional que practican os outros sindicatos representativos”.

Decisión “valente e xenerosa”

Suso Seixo, que foi secretario xeral desde 2001 até 2017, quixo agradecer ás compañeiras e compañeiros que formaban parte das direccións da CXTG e da INTG a decisión “valente, xenerosa, sabia, responsábel, de compromiso coa clase traballadora galega, de promover a constitución da Converxencia Intersindical Galega en 1990 e a CIG en 1994”.

Unha decisión que permitiu que “chegásemos a ser o que somos hoxe” e que se debeu ao moito “traballo e sacrificio” das compañeiras e compañeiros; a “non crermos que estamos no mellor dis sistemas posíbeis e manter unha postura de combate”, mais tamén a ter mantido unha postura de “confronto co sindicalismo de pacto social” e ao firme compromiso coa loita por unha sociedade galega “máis xusta, democrática e soberana”. Un modelo sindical que “segue a estar vixente e a ser imprescindíbel”.

Acordos, consensos e pluralismo

Nese sentido, na clausura do acto, Paulo Carril, salientou o especial valor de Acuña, Mera e Seixo, porque xunto con outras moitas persoas, construíron “desde a nada e na máis absoluta adversidade” a central sindical, “sempre buscando os acordos, os consensos e a cohesión necesaria desde a pluralidade existente”. Salientou ademais a súa “absoluta entrega, compromiso e sacrificios persoais” e concluíu que todo iso foi o que permitiu que a CIG sexa hoxe a primeira organización sindical en representación e mobilización social.

Por iso asumiu, en nome propio, mais tamén en nome das persoas que hoxe teñen responsabilidades na central sindical, a necesidade de ter presente a historia desde o ano 1972 para “desde a autoorganización da clase traballadora e do pobo galego avancemos na conquista dun sistema económico ao servizo da clase traballadora, das maiorías sociais, e na que o pobo galego poidamos existir en pé de igualdade, en paz e harmonía, con todo os pobos e nacións do mundo”.

O secretario xeral da CIG concluíu facendo un chamamento a “sermos conscientes de que o noso traballo debe ser permanente para ser eficaces como ferramenta na defensa dos dereitos e necesidades máis inmediatas da clase traballadora”. Mais tamén incidiu na importancia de que ese traballo sexa “ didáctico, instrutivo e formativo, para que nesas loitas concretas e nos conflito puntuais  estea o inicio da toma de consciencia pola clase traballadora da nosa situación de explotación como clase e nacional”.

Todo isto co obxectivo de “ter unha base social ampla,  coa que  ir construíndo poder popular para a transformación  revolucionaria que o noso proxecto estratéxico defende, dunha Galiza ceive e sen explotación”.