• 21-10-07_ActoHomenaxePatagoniaRebelde_09.jpg
  • 21-10-07_ActoHomenaxePatagoniaRebelde_04.jpg
  • 21-10-07_ActoHomenaxePatagoniaRebelde_01.jpg

A CIG conmemora o centenario das loitas obreiras da Patagonia Rebelde e homenaxea a "Gallego Soto"

O acto, realizado en Ferrol, consistiu nunha ofrenda floral e nunha conferencia

Ferrol -

A CIG fixo este xoves en Ferrol un acto de conmemoración do centenario da Patagonia Rebelde -as loitas obreiras que os traballadores da provincia de Santa Cruz (Arxentina) levaron adiante entre 1921 e 1922 en demanda de melloras salariais, das condicións de vida e polos dereitos sindicais-, e unha homenaxe á figura do seu líder, Antonio "Gallego" Soto. Esta actividade enmárcase nos actos que a central nacionalista ten organizados co gallo do VIII Congreso Confederal que terá lugar este sábado, día 9 de outubro, e consistiu nunha ofrenda floral na casa natal de Antonio Soto e unha conferencia posterior no Teatro Jofre.

Na conferencia participaron o secretario xeral da CIG, Paulo Carril; o responsábel de Relacións Internacionais da CIG, Xosé Lois Rivera Jácome; Eduardo Estévez en representación da CTA-A de Arxentina; e Bárbara Figueroa, vicepresidenta de Relacións Internacionais da CUT-Chile. Así mesmo, interviñeron a través de vídeo a filla de Antonio Soto, Isabel Soto, e Julio Fuentes, do departamento de Relacións Internacionais da CTA-A.

O secretario xeral da CIG referiuse á vida de Antonio Soto como representativa da emigración que vén padecendo o pobo galego por non ter capacidade de decisión propia, mais tamén como unha expresión clara da capacidade reivindicativa do pobo galego. Cualificouno de "exemplo de militante comprometido na terra onde traballa e vive (primeiro Arxentina e despois en Chile), con pensamento e acción revolucionaria, que en todo momento mantén a vinculación e identificación con Galiza", sendo o fundador ademais de varios centros galegos e de varias institucións de tipo benéfico.

Nesta cuestión abundou tamén Rivera Jácome para quen "o evento que estamos a celebrar hoxe debe servir, tamén, para facer xustiza con toda esa emigración galega que tivo que buscarse a vida en outros países e continentes. Para desmontar tópicos e manipulacións sobre a nosa historia, sobre o papel de resistencia dos galegos e galegas, tanto no noso país, como polo mundo".

Unha loita exemplar

Paulo Carril destacou o papel xogado na rebelión da Patagonia, xunto con Soto, por outros emigrantes galegos como Outerelo ou Antonio París, "que tiveron influencia decisiva, que se entregaron a estas loitas, para organizar e dar resposta aos niveis de explotación laboral, de case escravitude e de vida infrahumana que se estaban a vivir".

Neste senso, Carril insistiu en que loitas como esta evidencian que o sindicalismo de clase debe ser ante todo e sobre todo transformador, "revolucionario fronte ao deseño que nos teñen feito, que nos están impor desde uns gobernos títeres, cada vez máis dirixidos desde os Consellos de Administración das grandes empresas e da oligarquía financeira".

Nun contexto de crise como o presente e máis nunha cidade como Ferrol, escenario de sucesos determinantes para o sindicalismo nacionalista que hoxe representa a CIG como as folgas do ano 1972 e o asasinato de Amador e Daniel ou o asasinato de Moncho Reboiras en 1975, Carril salientou que "cómpre despregar todos e cada un dos inmensos potenciais da loita obreira e popular para combater a extensión da precariedade laboral e da pobreza".

A este respecto, chamou a intensificar o conflito social porque "non hai mellora real das condicións de vida, non hai dereitos, non hai fin da explotación de clase, non hai soberanía para os pobos que non pase pola permanente confrontación social, pero tamén ideolóxica, contra o poder económico e político. Este é o mellor recoñecemento que podemos facer a Gallego Soto e as loitas da Patagonia Rebelde".

Manter viva a historia...

Pola súa banda, Eduardo Estévez, en representación da CTA-A de Arxentina, cuxa delegación non puido viaxar a Galiza polas restricións da pandemia, destacou a importancia de dar a coñecer loitas como a da Patagonia, telas presentes e non permitir que caian no esquecemento. E puxo especial atención no feito de seren folgas campesiñas, sendo este un sector máis complexo de organizar e mobilizar, e que deu lugar a que en 1920 se asinara o primeiro convenio colectivo da rexión, “que os patróns non cumpriron aínda sendo unhas demandas ben básicas”.

Unha patronal de terratenentes que, remarcou Álvarez, seguen sendo familias poderosas na Arxentina de hoxe. Por iso chamou a sumar as forzas a acumular poder popular para cambiar a sociedade, acadar un mundo máis xusto e solidario e “acabar coa miseria do capitalismo”.

... para seguir na loita

Pola súa banda, Bárbara Figueroa, que foi presidenta da CUT Chile, enfatizou que “só coa loita poderemos avanzar, porque os dereitos non se regalan”, lanzando ao tempo un chamamento a abrir e a reforzar o diálogo entre o movemento sindical para fortalecer a resposta social.

“Na disputa co capital, engadiu, é importante reflotar a memoria, coñecer o pasado e non deixarse atrapar pola inmediatez, porque non podemos esquecer que o sindicalismo que hoxe en día está a ser golpeado e silenciado de diversos modos é froito tamén do sufrimento e do sangue”. 

Insistiu en avivar a memoria e aprovietando a conmemoración do día internacional do traballo decente, advertiu que soamente lograremos o traballo decente “na medida en que logremos poñer no centro as persoas traballadoras e non ao mercado. E iso será posíbel construíndo dende o colectivo”.

Fronte aos ataques que poñen en cuestión a utilidade das centrais sindicais, afirmou rotunda: “seguimos sendo unha forza viva e necesaria para poder facer os cambios e transformacións e mentres a clase traballadora conte con organizacións comprometidas no socio-político van ter unha esperanza de poder triunfar”. Neste senso, considerou que precisamente o poder sabe “que se seguimos erguendo a cabeza e construíndo clase obreira van caír, por iso nos atacan. Iso que os inimigos da clase traballadora teñen tan claro tamén o temos que ter claro nós”, conluíu.

Homenaxe na casa natal 

Previamente, a CIG fixo unha ofrenda floral na casa natal de Antonio Soto, situada na rúa Pardo Baixo, durante a que o secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manuel Grandal, puxo o énfase na figura deste líder obreiro cuxa historia foi ocultada na súa terra por moito tempo. “Antonio Soto é fillo dese Ferrol rebelde, que non claudica, dese Ferrol solidario, especialmente con América Latina, dese Ferrol símbolo de loita obreira, vítima de continuas represións e mesmo asasinatos, que alentaron o sindicalismo nacionalista, hoxe CIG”, destacou.

Tomando como referencia a figura de Soto, Grandal lembrou duras loitas acontecidas en Ferrol coetáneas no tempo, como a folga da paga, que mobilizou a máis de 6000 persoas para reivindicar mellores condicións laborais, ou a “Revolta das pedradas”, protagonizada por mulleres que se enfrontaron aos especuladores, que durante unha semana tivo paralizada Ferrolterra, Valdoviño e Pontedeume e que foi o detonante doutras protestas campesiñas e folgas obreiras.

Soto, líder da Patagonia rebelde

Con motivo da conmemoración, a CIG editou tamén un polidíptico sobre  a loita protagonizada polos traballadores do Territorio Nacional de Santa Cruz, que pasaría a ser coñecida como a 'Patagonia Rebelde', da que Antonio Gonzalo Soto Canalejo foi un dos seus líderes principais.

Soto foi o secretario xeral da Sociedade Obreira de Río Gallegos, sindicato que en 1920 convocou a folga xeral que marcaría o inicio deste conflito e que tivo o seu punto álxido no segundo semestre de 1921 cando os obreiros rurais reactivaron a folga e tomaron numerosas estancias en reposta ao incumprimento por parte da patronal do acordo laboral asinado meses antes. Gallego Soto tivo que fuxir a Chile para escapar da durísima represión que o goberno arxentino levou a cabo contra os obreiros e folguistas, calculándose que foron fusilados ou asasinados uns 1500 traballadores durante todo o conflito.

Volver