• Nova

A CIG conmemorará o 50º aniversario das loitas de setembro do 72 en Vigo cunha serie de iniciativas e de mobilizacións

Proxectará un audiovisual con testemuños de protagonistas, convocará unha manifestación nacional e instalará un monumento
Vigo - 07 Set 2022

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, presentou hoxe en Vigo xunto ao máximo responsábel da central sindical na comarca, Alberto Gonçalves, as iniciativas e mobilizacións que desenvolverá nas vindeiras semanas para conmemorar o 50º aniversario das loitas que tiveron lugar na bisbarra en setembro de 1972. En concreto, a proxección pública dun audiovisual que baixo o título de 'Setembro de 1972. Unha folga que mudou a nación galega' recolle testemuños dalgunhas das persoas protagonistas daqueles acontecementos e a celebración dunha manifestación nacional de delegados/as o vindeiro día 22. Ademais, a CIG seguirá a intentar a instalación dun monumento conmemorativo a pesar dos atrancos que está a poñer o Concello.

Carril lembrou que a central sindical está a desenvolver ao longo deste ano unha serie de actos e mobilizacións para conmemorar o 50º aniversario das loitas do 72, que comezaron no mes de marzo en Ferrol e que agora se trasladan á comarca de Vigo. 

A manifestación rematará diante do Concello, onde se colocará unha réplica do monumento, no caso de que antes non se teña unha solución que permita instalalo nun lugar visíbel da cidade

O máximo responsábel da CIG salientou a importancia duns acontecementos “sobre os que se constrúe a historia contemporánea do movemento obreiro galego”. Por iso chamou a conmemorar, baixo o lema 'Somos clase, somos nación. A loita continúa', o acontecido en setembro de 1972 na bisbarra de Vigo para expresar “o noso máis sincero recoñecemento, agradecemento, admiración e homenaxe a todas as persoas que co seu compromiso e acción fixeron posíbeis estas loitas e que padeceron persecución e forte represión”.
Persoas que, segundo expresou Carril, son un exemplo de resistencia, de coherencia e de profundo convencemento na outorganización da clase traballadora e do pobo galego na creación de instrumentos de loita e da loita como instrumento para gañar dereitos como clase traballadora e como nación.

As iniciativas postas en marcha pola central sindical consisten na proxección pública dun audiovisual titulado 'Setembro de 1972. Unha folga que mudou a nación galega', no que participan protagonistas destas loitas e que se poderá ver no auditorio Afundación, na rúa Policarpo Sanz, o vindeiro martes día 13 ás 19:00 horas. Ademais, estanse a programar tamén distintos actos informativos en diferentes puntos da cidade e da comarca no que tamén se visionará o audiovisual co obxectivo de achegalo ao maior número de persoas.

Ao mesmo tempo, para o día 22 temos convocada unha manifestación nacional de delegados/as que sairá dende Vía Norte ás 11:00 horas. A este respecto, o secretario xeral da CIG anunciou que no caso de que antes desta data non se teña unha solución que permita instalar o monumento encargado pola central sindical para conmemorar as loitas de setembro do 72 “a manifestación rematará diante do Concello, onde colocaremos unha réplica do monumento”.

Neste senso, o secretario comarcal, Alberto Gonçalves, incidiu en que o traballo, deseñado polo escultor Javier Diéguez Mosquera e sufragado pola CIG coa intención de doarllo ao Concello de Vigo para que o instale nun espazo público visíbel, carece todavía de ubicación a pesar das xestións realizadas dende o pasado mes de xaneiro co Goberno local. “Até o de agora só nos atopamos con evasivas e cunha actitude que parece querer dilatar infinitamente un trámite que debera ser áxil e sinxelo de existir vontade política. De feito, Gonçalves lamenta que a pesar dos moitos contactos con diferentes concelleiros “a cada paso atopamos un novo pero, algunha nova dificultade ou cambios de criterio”.

En consecuencia, a central sindical considera que o asunto atópase “en punto morto” a pesar da súa total disposición a colaborar e a procurar unha solución acordada, polo que o pasado 23 de agosto optou por solicitar unha xuntanza co alcalde para tentar desbloquear a situación e asegurar a instalación do monumento”.

Institucionalización da data

Pola súa banda, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, lamentou que o Concello de Vigo non asuma e mesmo impida as iniciativas -non só da CIG- que se teñen posto en marcha para dignificar unha data tan importante como esta. “De igual xeito que en Ferrol se asume marzo do 72 como unha data con consideración oficial, en Vigo debera entenderse como unha data de recoñecemento, de homenaxe e de reivindicación e non de confrontación. Mais o Goberno local ao negarse a acoller todas as iniciativas está a colocar esta data lonxe do que estendemos debera ser a súa institucionalización ao máximo nivel para contribuír á súa popularización”.

Considerou que o Concello de Vigo debera de estar á altura das circunstancias e non esquecer que en Ferrol, goberne quen goberne, a lembranza de marzo do 72 é acollida e conmemorada de xeito respectuoso con diferentes actividades, tanto as que organiza o propio Concello como as organizacións sindicais, políticas e sociais. “Por iso se antes do día 22 non temos unha solución que permita colocar o monumento nun lugar digno remataremos a manifestación diante do consistorio, onde colocaremos unha réplica do monumento”.

Finalmente, fixo fincapé en que estes actos conmemorativos celébranse nun contexto de profunda crise económica, industrial e social “similar ao que se vivía no ano 1972, polo que reclamamos a vixencia destas loitas”.