A CIG consegue salvar o convenio de Pintura e as melloras laborais e salariais logradas na súa negociación

A Xunta, nun ataque sen precedentes contra a negociación colectiva galega, impugnara o acordo laboral
A Coruña - 28 Nov 2018

Os traballadores e as traballadoras do sector da pintura da Coruña manterán o seu convenio colectivo e as melloras laborais e salariais conseguidas durante a súa negociación, logo de que a CIG lograra un acordo para salvagardalo. A Xunta, nun ataque insólito contra a negociación colectiva galega, negouse a publicar o texto asinado entre a CIG e a patronal APECCO e iniciou o proceso de impugnación do convenio provincial por entender que as melloras recollidas invadían materias reservadas ao ámbito estatal.

A defensa deste convenio levouna adiante a CIG en solitario xa que á denuncia da Consellaría de Traballo sumáronse axiña UGT, CCOO e a patronal estatal da construción (CNC), dispostas mesmo a preitear contra a central nacionalista. De feito, foi ás portas do xuízo que a CIG logrou un acordo para salvar o convenio provincial e garantir a aplicación de todas as melloras acadadas.

Con esta negativa a publicar o texto, a Xunta excedeu amplamente a súa función de control da legalidade dos convenios para tentar desfacer aquilo que fora lexitimamente negociado e acordado entre as partes, aínda sabendo que con isto facía perigar melloras importantes logradas con respecto ao anterior convenio provincial da Pintura, e moi superiores ás recollidas no convenio de ámbito estatal.

"Tivemos claro desde o principio que o único motivo desta impugnación era protexer os intereses das cúpulas estatais de UGT, CCOO e CNC, pois acabábamos de demostrar como nun pequeno convenio galego (é o único que queda xa deste ramo en todo o Estado español) a CIG fora capaz de mellorar, e moito, os acordos de Madrid, evidenciando que a proximidade das negociacións ás traballadora e traballadores é máis positiva para a defensa dos seus intereses", subliña a Federación de Construción e Madeira da CIG. A este respecto, critica que a Xunta "aceptara xogar un papel servil, de ariete ao servizo deses intereses alleos que nada teñen que ver cos da clase traballadora".

Melloras importantes con respecto ao convenio estatal

O novo convenio de Pintura asinouse o pasado 3 de abril entre a CIG -que representa case o 67% dos/as traballadores/as do sector- e a patronal APECCO. Con este acordo lográbanse melloras importantes, como uns incrementos que garanten como mínimo o IPC (algo que non ocorre noutros convenios como construción ou derivados do cemento), e creouse un innovador artigo para regular o desprazamento de persoal a obras fóra de Galiza, atendendo a nova realidade do sector contract da construción e reforma de tendas comerciais por todo o mundo.

"Pois ben, o que debía supor a posta en marcha dunha nova regulación moito máis ambiciosa e protectora, converteuse no inicio dun pesadelo burocrático logo de que a Xunta presentara unha impugnación á que axiña se sumaron UGT, CCOO e CNC, dispostas até a preitear contra nós".

Neste contexto, a CIG tivo que asumir en solitario a defensa dos intereses dos traballadores e traballadoras do sector da pintura, para combater a fronte que formaron a Xunta, UGT, CCOO e a patronal CNC, "que trataron por todas as vías de tombalo, aínda sabendo que o prezo podía ser a fin do convenio de Pintura da Coruña".