A CIG considera a derrogación do artigo 52.d “insuficiente” e demanda a derrogación completa das reformas laborais

Convoca protestas o 10 de marzo, Día da Clase Obreira, co lema 'Recuperar dereitos para avanzar'
Nacional - 18 Feb 2020

A CIG considera que a derrogación do artigo 52.d é insuficiente e un simples parche xa que non permite dar solución ao grave deterioro das condicións laborais, salariais e de vida da clase traballadora galega. Entende que con esta operación de maquillaxe, o goberno de coalición pretende vender como un gran avance o que non é nin unha tímida reforma. Parece máis buscar un obxectivo de desmobilización da clase traballadora que de lexislar para acadar avances reais para a recuperación dos dereitos.

“O que cómpre de forma urxente é derrogala toda porque retrasalo é manter a profunda inxustiza social que supuxo este golpe de estado para a clase traballadora”, afirma o secretario xeral, Paulo Carril, para quen non valen nin derrogacións parciais nin simples revisións. “Ante a reforma laboral non hai tregua nin transición posíbel, ten que haber ruptura democrática para recuperar os dereitos laborais e sociais arrebatados coa escusa da crise”, reitera.

Neste sentido, Carril sinala que as reformas laborais “teñen provocado o medre na destrución de emprego, nomeadamente no sector industrial; a extensión da pobreza laboral e dos baixos salarios, con novas formas de explotación laboral, como as ETT, os Centros Especiais de Emprego, a legalización dos falsos/as autónomos/as e as cadeas de subcontratación infinitas; a crecente centralización e os constantes impedimentos ao noso dereito a negociar as condicións de traballo en Galiza, xa que a reforma laboral afondou na estatalización das relacións laborais e na cronificación da precariedade”.

Xunto a isto alerta de que manter viva a reforma, perante a crise industrial que sofre Galiza, “significa seguir permitindo que as empresas apliquen EREs, ERTES e despedimentos de forma unilateral”.

Mobilizacións o 10 de Marzo

Por iso, advirte de que a CIG seguirá mobilizándose para tombar as reformas como único xeito de rematar coa precariedade e a pobreza laboral que sofre a clase traballadora galega. Con este obxectivo ten convocadas asembleas de delegadas e delegados e mobilizacións nas comarcas para o vindeiro 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, que se insiren na campaña iniciada xa no mes de decembro, baixo o lema “Recuperar dereitos para avanzar. Na defensa do emprego e a industria na Galiza”.