A CIG considera de extrema gravidade que o GES de Guitiriz non acudira ao accidente de Begonte

Entende que é consecuencia dunha xestión do servizo "totalmente ineficiente e inoperativa"
Lugo - 27 Nov 2018

A Unión Comarcal da CIG de Lugo-A Mariña considera "de extrema gravidade" que o pasado domingo, 25 de novembro, o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Guitiriz non acudira á alarma dun accidente sucedido nunha nave do Polígono Industrial de Begonte, e que fatalmente se saldou coa morte dunha persoa.

"Entendemos que este feito é de extrema gravidade toda vez que o Concello de Begonte se atopa dentro dos 4 concellos de actuación do GES Terra Chá, con base en Guitiriz e cuxo ámbito de actuación inclúe os Concellos de Guitiriz, Friol, Begonte e Xermade, e en consecuencia debe ser o primeiro recurso de emerxencias en cubrir dito municipio", afirma o secretario comarcal de Organización, Lois Neto.

O servizo funciona con menos efectivos dos necesarios

Polas informacións que constan na CIG o pasado domingo non había ningún efectivo do GES de Guitiriz de garda na base, e o teléfono de contacto deste servizo non estaba na posesión dos traballadores, senón dun membro do equipo de Goberno. "Esta situación é consecuencia dunha xestión do servizo totalmente ineficiente e inoperativa, que desde a CIG vimos denunciando desde hai xa máis dun ano. Nestes momentos, o grupo de emerxencias Terra Cha conta só con 7 efectivos (incluíndo un de baixa de larga duración) dun total de 12, en moitas ocasións non hai efectivos de garda, noutras só un operario, etc."

Neto apunta que se en calquera outro servizo municipal ou supramunicipal poderiamos falar dunha xestión deficiente, nun servizo de emerxencias como este "podemos estar a falar de xestión imprudente e neglixente".

A CIG insta a abrir unha investigación

Neste senso, engade que da situación do GES Terra Chá "non é só responsábel o Concello de Guitiriz, senón tamén a Deputación Provincial de Lugo e a Xunta de Galiza, entidades estas con responsabilidades en materia de emerxencias e coñecedoras da situación deficiente deste servizo, mais que non adoptaron ningunha medida para corrixir tal circunstancia". Por iso, lamenta que unha vez máis "as Administracións xogan cos servizos de emerxencias con absoluta irresponsabilidade e imprudencia".

Dende a CIG ínstase as Administracións con responsabilidades en materia de emerxencias a que abran unha investigación para determinar cales foron as causas polo que o servizo de referencia para o Concello de Begonte, o GES Terra Chá, non acudiu a alarma derivada do fatal accidente sucedido o pasado domingo.