A CIG denuncia que a proposta de incremento do SMI para 2027 anunciada polo Goberno español continúa deixando o salario mínimo interprofesional por debaixo da contía recomendada na Carta Social Europea (CSE). Para este ano 2026, seguindo o método de cálculo do Comité Europeo de Dereitos Sociais (CEDS), a contía do SMI debería ser de 1.374,74€/mes (19.247€ brutos anuais) para acadar así o 60% do salario medio no Estado.
Esta foi a proposta que a CIG trasladou a principios de ano ao Ministerio de Traballo co obxectivo de dar cumprimento ás recomendacións da CSE e garantir o que o tratado internacional denomina “un nivel de vida decente” para as persoas traballadoras. A CIG non dispón aínda dunha proposta de SMI cun importe concreto, xa que até o 11 de novembro a Axencia Tributaria non publicará o informe de módulos do IRPF, que o sindicato emprega para este cálculo.
Deterioro do poder adquisitivo
Porén, a suba do 5,3% proposto polo departamento de Yolanda Díaz sitúa a contía do SMI nos 1.286 euros/mes, polo que, o importe do salario mínimo para 2027 xa ficará 88 euros por debaixo do salario medio correspondente ao ano 2026. “Ao longo deste ano, cada persoa traballadora que percibe o SMI deixou de cobrar 154 euros ao mes, porque o Goberno español non elevou o SMI até o 60% do salario medio”, rexeita o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.
A proposta do Goberno español afonda na perda salarial, pois a contía de SMI anunciada para 2027 ficará xa 88€ por debaixo do salario medio correspondente ao ano 2026
“Ademais da carestía da vida e o medre da inflación, o deterioro do poder adquisitivo dáse tamén pola negativa do Goberno español a cumprir ano tras ano o que marca a Carta Social Europea”, denuncia. Critica Carril que este incumprimento “afonda no estrago dos petos das persoas traballadoras que perciben os menores ingresos” e salienta que o SMI “é unha ferramenta fundamental en favor da cohesión social e para facer fronte á pobreza”.
De terse aprobado para este 2026 un SMI de 1.374,74€/mes, tal e como reclamaba a CIG, ao extrapolar o incremento do 5,3% que agora formula o Ministerio “estaríamos falando dun importe do SMI para 2027 situado xa nos 1.448 euros/mes”. Unha contía moi superior aos 1.286 euros/mes previstos na proposta do Goberno español.
Reclamación colectiva contra o Estado español
A este respecto, Carril lembra que o incumprimento reiterado do marcado pola CSE a respecto do SMI, levou a central nacionalista a presentar unha reclamación colectiva ante o Comité Europeo de Dereitos Sociais contra o Estado español que está pendente de resolverse.
O secretario xeral apunta tamén que, unha vez se coñezan os módulos da Axencia Tributaria, a CIG trasladara a súa proposta de Salario Mínimo Interprofesional ao Ministerio de Traballo, no trámite de consultas ás organizacións sindicais que teñen a condición de máis representativas a nivel estatal, como a CIG.
Carácter non compensábel nin absorbíbel
Xunto á contía concreta de SMI, a CIG demandará que nos decretos nos que se aproba o SMI se especifique o carácter non compensábel, nin absorbíbel de ningún dos complementos salariais; que se eleve o mínimo exento de tributación polo IRPF para que o SMI siga quedando libre de pago; a eliminación do IPREM como indicador de renda pública para calquera tipo de prestación; así como aprobar a descentralización do SMI “para que en Galiza teñamos competencia para mellorar o estatal”.
Finalmente, Carril aclara que para calcular a proposta de importe do SMI, a central nacionalista segue os métodos do Comité Europeo de Dereitos Sociais, recorrendo aos datos do estudio de mercado de traballo e pensións da Axencia Tributaria, xunto cos datos de ingresos salariais, e os que facilita a Tesourería Xeral da Seguridade Social.