A CIG considera “máis do mesmo” uns Orzamentos da Xunta para 2023 “que seguen a axenda neoliberal”

A central aproveitou a xuntanza co conselleiro de Facenda para trasladar as súas alternativas en materia laboral, económica e social
Nacional - 14 Out 2022

A CIG cualificou de “máis do mesmo” os Orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2023, que o conselleiro de Facenda lle trasladou hoxe en Santiago ás organizacións sindicais maioritarias. Dende a central critican que o Goberno galego insista unha vez máis en presentar as contas públicas sen achegar documentación nin datos concretos e denuncian que “seguen a axenda neoliberal”.

Estas cuestións foron abordadas ao inicio da xuntanza polo secretario confederal de Institucional, Miguel Malvido, que participou no encontro en representación da CIG xunto á responsábel do Gabinete de Economía, Natividad López. Malvido censurou que o conselleiro se limitase unicamente a anunciar o incremento dalgunhas partidas, sen aclarar máis detalles. “Escusouse no feito de que teñen previsto presentar os Orzamentos no Parlamento o vindeiro día 20 para realizar unha intervención xenérica e sen apenas contido”. 

A central reclama que todas as medidas contra a crise deberan de se incluír nun Plan Galego de recuperación económica, industrialización, creación de emprego digno e servizos públicos de calidade

O responsábel sindical aproveitou a súa quenda de palabra para debullar as principais propostas da CIG para facerlle fronte á profunda crise económica e sociolaboral que padece o noso país. Alertou de que a carestía da vida motivada polo aumento da inflación polo elevado prezo dos combustíbeis está a incrementar a vulnerabilidade da clase traballadora, disparando o risco de exclusión social e o número de persoas que se atopan nos límites da pobreza.

Lamentou tamén que neste contexto se estea a producir unha cada vez maior acumulación de riqueza en cada vez menos mans e que as diferencias salariais non deixen de medrar día tras día. Fronte a isto, considerou necesario avanzar en dereitos e protección social, con medidas como a creación dunha Renda de Inserción Laboral e Social; a prohibición dos desafiuzamentos durante 2022 e 2023; a fixación de prezos sociais para evitar a pobreza enerxética nos fogares ou un parque público de vivendas sociais.

Ao mesmo tempo, demandou a posta en marcha dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas e o reforzo da Atención Primaria, ademais dun incremento significativo do orzamento público destinado á atención á dependencia e do aumento dos equipos de valoración para reducir o tempo de resolución dos expedientes; así como a reapertura dos servizos públicos e de oficinas bancarias en todos os concellos, garantindo horarios que permitan a atención persoal de forma presencial para calquera xestión, “algo que axudaría tamén a fixar poboación e a evitar o despoboamento do rural”.

Actuacións sectoriais e transversais

A respecto do encarecemento da electricidade, propuxo a creación dunha Tarifa Eléctrica Especial para potencias contratadas iguais ou inferiores a 15 kW; a implantación dunha Tarifa Eléctrica Galega, eliminando a peaxe de transporte e aplicando unha redución do 10% da tarifa mensual a quen teña o seu domicilio en Galiza; eliminar da factura os cargos sen relación directa co funcionamento do sistema; a eliminación do mercado marxinalista; a creación dunha Empresa Pública Galega de Electricidade e a fiscalización das as concesións hidroeléctricas, prevendo a reversión das instalacións ao sector público.

Finalmente, incidiu en que todas estas medidas deberan de se incluír nun Plan Galego de recuperación económica, industrialización, creación de emprego digno e servizos públicos de calidade que contemple actuacións sectoriais e transversais.