A CIG considera moi grave que a Xunta exclúa a 1ª forza sindical para tratar as medidas socioeconómicas da desescalada en Galiza
A CIG considera moi grave que a Xunta ignore a primeira central sindical en Galiza da convocatoria das reunións que este mércores teñen lugar para tratar a situación laboral, económica e social do país en pleno proceso de 'desescalada'. A actuación do Goberno galego, co seu presidente Alberto Núñez Feixoo á cabeza, constitúe un exercicio de sectarismo que vulnera o dereito á representación dos miles de traballadores e traballadoras galegas que teñen apostado pola CIG.
O secretario xeral, Paulo Carril, denuncia que se aparte de maneira tan burda á CIG e que se desprecen as propostas socioeconómicas e laborais que a central nacionalista ten elaboradas para afrontar o proceso de retorno á actividade e as problemáticas existentes na crise derivada da emerxencia sanitaria.
A este respecto, considera que esta nova actuación do presidente da Xunta "demostra a nula vontade de afrontar esta grave situación tentando construír todos os entendementos e consensos posíbeis, aínda desde as lexítimas diferenzas que poidan existir. Non son tempos de que o Goberno galego aplique a política do apartheid á CIG, como a leva practicando estes anos, nos que por sistema rexeitou as múltiples propostas e ILP que presentamos e que estiveron masivamente respaldadas".
Intento permanente da Xunta de invisibilizar e negar a CIG
Para Carril estamos ante un capítulo máis do permanente intento da Xunta de Galiza de invisibilización e negación da primeira central sindical de Galiza, tanto en número de delegados e delegadas como en afiliación e capacidade mobilizadora. Unha censura, lembra, que se estende aos medios públicos galegos, nomeadamente á TVG, que de xeito continuado oculta a existencia da CIG nos seus programas informativos.
Neste camiño de exclusión á CIG, o Goberno de Feixoo tamén ten amosado un absoluto desprezo polas institucións públicas galegas acordando a creación dun "comité de expertos" para deseñar unha saída á crise, cando xa existen organismos como o Consello Económico e Social (CES) e o Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL), con atribucións propias, e no que participan axentes socioeconómicos, organizacións sindicais e entidades da sociedade civil de acordo a súa representatividade.
A esta actuación, sinala Carril, habería que engadir "a xestión "ditatorial" e fatal que Feixoo está a exercer no grave contexto actual, adoptando decisións sen someterse a ningún tipo de control institucional". A CIG considera que este proceder desacredita ao presidente da Xunta e resta pluralidade de opinións que puideran expresarse nesta reunión, ao excluír a primeira central sindical e máis representativa do país.