A CIG considera que as medidas sociais e laborais son claramente insuficientes, inxustas e están moi lonxe das doutros estados da UE

Alerta do perigo de despidos en masa e da deterioración das condicións laborais
Nacional - 17 Mar 2020

As medidas que aprobará hoxe o Consello de Ministros e Ministras están, para a CIG “moi lonxe do que se está a facer noutros estados europeos”. Así o considera o secretario xeral, Paulo Carril, que cuestiona unha decisión “inxusta e que desprotexe, desampara e deixa na intemperie a moitos traballadores e traballadoras sen garantir que todo o mundo poida quedar na casa”.

Para a CIG “a fórmula de fomentar os ERTEs coas modificacións introducidas, baseándose no articulado dunhas reformas laborais, xa de por si lesivas, e actualizar os elementos máis perversos destas reformas a través desta vía, parécenos inaceptábel e irresponsábel” di Carril, quen advirte de que “non se van impedir así os despedimentos que xa se están producindo, por moito que se presenten os ERTEs ou reducións de xornada como fórmula para evitalos”.

Nese sentido, o secretario xeral da CIG lamenta “que UGT e CCOO sexan promotores destas inxustas medidas” porque “a modalidade de ERTEs non preserva os ingresos dos traballadores/as, porque non garante a integridade dos salarios que terían que percibir os traballadores/as, nin actualmente, nin nos próximos meses, porque isto vai repercutir na xeración de pagas extra e de vacacións”.

Por outro lado, advirte Carril,“xera antecedentes” porque deste xeito “facilítase que nos próximos meses poida haber, onde non se produzan agora, despedimentos en masa”.

Garantías de seguridade e saúde laboral

Por outro lado, a CIG alerta de que “seguen sen se adoptar as medidas necesarias para que todo o mundo poida quedar na casa, nin se lle dispón dos medios para que as traballadoras e traballadores que teñan que ir traballar poidan facelo coas necesarias medidas de seguridade”. Xunto isto, salientou que as empresas que están ofrecendo o teletraballo non  garanten nunhas condicións mínimas de respecto aos dereitos laborais e, en moitos casos, incluso baixo a obriga de poñer o traballador ou a traballadora gratuitamente todos os medios materiais para o desempeño do traballo no domicilio.

Neste sentido, Carril lamenta “que a policía e o exército se estean despregando para labores de control social mais que para garantir que non haxa a actividade laboral, agás onde é obrigatoria, e que esta se desenvolva coas medidas oportunas de seguridade, nomeadamente nos sectores máis sensíbeis como o de alimentación, SAF, residencias...”.

Xunto a isto, lamenta tamén “que non se dote de medios á Inspección de Traballo e que esta non desempeñe o labor de control necesario para garantir esa protección ás traballadoras e traballadores que non poden quedar na casa e están obrigados a traballar”.

Para Carril “é un problema de vontade política non ir a unha protección maior do conxunto das traballadores/as, tendo en conta que a UE está aprobando cada día, e actualizando, as autorizacións para facer o gasto necesario”. Neste sentido apunta que “para a CIG é esencial que non se escatime en pór a disposición da situación todo o gasto social que sexa necesario”.

Por iso considera que “o famoso escudo social, tal e como se lle está chamando agora, é claramente insuficiente e inxusto”.

Lamenta, xunto a isto, que non se vaia pola vía que vén propoñendo a central sindical desde o primeiro día -pola que si están optando noutros países europeos- , que é a do permiso especial por deber inescusábel, que ten base no artigo 37.3 do Estatuto das Traballadoras e Traballadores, e sinala que “isto é, precisamente, o que está provocando toda esta situación”.