A CIG considera totalmente insuficiente a última proposta da patronal de Seguridade Privada

Rexeita a precarización do sector e demanda garantías de mantemento do emprego
Nacional - 23 Set 2022

A CIG considera “totalmente insuficiente” a proposta presentada por unha das patronais do sector de Seguridade Privada, APROSER, na reunión da mesa de negociación do convenio celebrada o pasado día 21 de setembro. Proposta que non se sabe se comparte a outra patronal, ASECOPS. “Novamente busca que a crise a paguen os de sempre, que non son outros que a persoas traballadoras do sector”, denuncia o representante da central sindical nacionalista, Pedro Pérez.

A nova proposta de APROSER contempla 4 anos de vixencia do novo convenio, cun incremento salarial para o 2023 do 3%; para 2024 do 3,5%, para 2025 do 4% e sen concretar para 2026, porque o incremento deste último ano se negociaría no segundo ano de vixencia. Segundo explica Pérez, esta patronal aceptaría unha cláusula de revisión salarial, a final da vixencia do convenio “capada”.

Pérez explica que isto “quere dicir que non asumirían a totalidade do IPC no caso de ser superior na vixencia do convenio, senón até unha porcentaxe que estaría por negociar, condicionando isto á resolución da problemática do transporte de fondos, para o que propón unha maior flexibilidade da xornada similar a vixilancia, actualización de funcións e debéndose facilitar a xubilación”.

Sinala que APROSER retiraría ademais a proposta da eliminación da antigüidade, manténdose a do absentismo porque “queren tocar os complementos de IT”, matiza o representante da CIG.  Isto xunto a adaptación do convenio á nova Reforma Laboral en materia de contratación, nova redacción no artigo de vacacións, macroconcentracións urbanas, Igualdade, Saúde Laboral, seguir traballando nos coeficientes de redutores para xubilación similares aos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e que non var a tocar ningún plus, nin incorporar novos, asi como tampouco tocarán os complementos de nocturnidade e festividade. Unhas propostas que Pedro Pérez apunta que non lle terían custos e outras que son materia da Seguridade Social e que, polo tanto, dependen do goberno.

Modernizar o sector

Fronte a isto o representante da CIG-Servizos defende a plataforma presentada pola central sindical que “incorpora medidas concretas que modernizarían o sector, dando unha resposta adecuada para os dous anos seguintes”. Pérez apunta que a CIG estaría disposta a tocar a vixencia, “condicionado ao incremento salarial, que para nós é totalmente insuficiente”.

Por iso, despois de escoitar esta proposta de APROSER, que ASECOPS non deixa claro que comparta ou asuma, “entendemos que se seguen botando balóns fóra, buscando culpábeis externos: a inflación, as medidas inaxeitadas do goberno, a guerra de Ucraína… para non querer asumir a súa propia responsabilidade do que teñen feito no sector: guerra de prezos, submisión ante as administracións, precarización da condicións e salarios indignos, e moito disto coa complicidade dos seus compañeiros de viaxe, os sindicatos estatais asinando convenios con perdas continuadas do poder adquisitivo”, sinala Pérez.

A CIG estaría disposta pois, a falar do Transporte de Fondos, “pero nunca para precarizar as súas condicións, senón para adaptarse a nova realidade, coa garantía do mantemento do emprego”, matiza Pérez quen denuncia que “non querer tocar ningún plus, non incorporar novos, non querer equiparar o plus de perigosidade, non querer incrementar os complementos de nocturnidade e festividade e non reducir a xornada, son cuestións que para CIG se deben afrontar de xeito inmediato”.

En relación á proposta de incremento salarial -deixando o cuarto ano en suspenso para negocialo na vixencia do convenio- é, para o sindicato nacionalista, “totalmente inaceptable”, ao igual que a proposta de modificación á baixa dos complementos da IT respecto da que Pérez afirma que “isto non se toca agás se é para incrementalos”.

Pedro Pérez conclúe que o feito de ter presentado esa proposta “denota o total descoñecemento da realidade que demanda o sector porque somos esenciais, porque somos baratos”. Por iso chama a responder na rúa o vindeiro día 27 de setembro, coa demanda dun convenio galego, xa que “para nos é a única saída de futuro para este sector en Galiza”.