A CIG considera un “desprezo” cara os organismos públicos que Feixóo ignore as súas funcións e os supla por un comité de expertos

Lembra que CES e CGRL teñen precisamente como función asesorar en materia económica e social
Nacional - 14 Abr 2020

A CIG considera que buscar alternativas como a creación dun comité de expertos para deseñar unha saída á crise provocada pola situación de emerxencia sanitaria do Covid-19 en materia económica e laboral é un “desprezo” para as institucións públicas galegas creadas a tal fin.

Neste sentido, o secretario xeral, Paulo Carril, lembra que precisamente esa é a función que teñen organismos como o Consello Económico e Social (CES) e o Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL), aos que “habería que respectar as súas atribucións”.

Carril sinala que no CES participan xa axentes socioeconómicos, organizacións sindicais e representantes da sociedade civil e que ten, precisamente, o carácter de órgano consultivo e asesor da Xunta de Galiza en materia económica e laboral.

Do mesmo xeito salienta o carácter consultivo e asesor en materia de política laboral do Consello Galego de Relacións Laborais. Organismos públicos ambos contra cuxo criterio actuou en diversas ocasións o goberno de Feixóo, como ocorreu coa chamada Lei de Fomento Empresarial. Un goberno que tampouco quixo atender as súas recomendacións en diversas materias.