A CIG considera un paso insuficiente o Ingreso Mínimo Vital se non vai ligado a medidas a prol de emprego e salarios dignos

Defende a creación dun Salario de Inserción Laboral e Social para maiores de 18 anos e subir o SMI até o 60% do salario medio
Nacional - 01 Xun 2020

A CIG considera que a aprobación do Ingreso Mínimo Vital (Real Decreto-Lei 20/2020, que sae hoxe publicado no BOE) pode ser un  avance, pero entende que a súa posta en marcha resulta insuficiente se non se liga con outras medidas que favorezan a creación de emprego estábel e de salarios xustos. Máis se cabe nun momento no que a agresividade  da reforma laboral xunto á fonda crise industrial que atravesa Galiza, imposibilitan ter ou acceder a un traballo digno.

Haberá ademais que comprobar como se compatibiliza na práctica este ingreso con outras axudas de carácter autonómico e ter en conta que non se van poder beneficiar traballadores e traballadoras precarias que, malia ter emprego non teñen uns ingresos suficientes para vivir dignamente, ou as persoas xubiladas e pensionistas que sobreviven cunhas pensións ridículas.

A este respecto, o secretario xeral, Paulo Carril, sinala que a CIG demanda dende hai anos a necesidade de instaurar un Salario de Inserción Laboral e Social, na contía do SMI, ao que poidan acceder as persoas maiores de 18 anos que non cobren ningún tipo de prestación económica. E parella a esta proposta, un incremento do SMI até o 60% dos salario medio (o que suporía situar o salario mínimo nos 1.200€), cumprindo así co establecido na Carta Social Europea.

Neste senso, Carril, lembra que, segundo datos do informe AROPE, preto do 50% da poboación galega está no camiño da pobreza, na pobreza ou xa na estrema pobreza.

Derrogación das reformas laborais e das pensións

En todo caso, o secretario xeral subliña que a CIG leva anos  defendendo todas unha serie de Propostas (como ILP polas 100 Medidas para a creación de emprego en Galiza, propostas da central sindical en materia laboral e social, etc.) "que agora, por mor da grave crise que vivimos, teñen máis vixencia e razón de ser que nunca".

Ademais, reitera que calquera medida destinada a garantir os ingresos salariais, debe completarse coa derrogación da reforma laboral de 2010 e de 2012, da reformas das pensións de 2010 e 2013, e cunha suba do importe da pensión mínima equivalente á do SMI; así como recuperar as prestacións e subsidios por desemprego nos termos anteriores á reforma de 2012.

Emprazamento aos grupos parlamentarios

"Desde a CIG emprazamos a todos os grupos parlamentarios  a que na tramitación deste Real Decreto-Lei 20/2020 que estabelece o Ingreso Mínimo Vital se tomen en consideración as nosas demandas e propostas, porque todas elas se refiren a cambios lexislativos necesarios para avanzar nunha posibilidade real de emprego, salarios e pensións dignas e nunha auténtica superación da exclusión social e da pobreza crecente", asevera Carril.

Valoración xurídica do RDL 20/2020, que estabelece o ingreso mínimo vital (IMV)

1. Que é o ingreso mínimo vital?

O Boletín Oficial do Estado do 1 de xuño de 2020 publica o Real decreto-lei 20/2020, do 29 de maio, que regula o «dereito subxectivo a recibir unha prestación de natureza económica que garante un nivel mínimo de renda» a quen estea en situación de risco de pobreza ou exclusión social.

A idea clave para entendermos o novo IMV é a de complemento. Con esta prestación pública complementaranse os recursos económicos de que dispoñan as persoas beneficiarias, até chegar ás cantidades que se fixan para cada caso. Por exemplo, se unha persoa que vive soa ten uns ingresos computábeis de 300 euros ao mes e o IMV teórico que lle correspondería é de 462 euros, percibirá unha prestación de 162 euros.

Calcúlase e cóbrase por unidades de convivencia, non por persoas (agás cando a beneficiaria sexa unha persoa que vive soa). Polo tanto, a prestación concédese para a familia, non por cada membro adulto, aínda que será un deles o que a solicite e o titular desa prestación, aínda que para o seu cálculo se teñan en conta os ingresos de todos os membros.

A nova prestación é indefinida. Isto quere dicir que se continuará a cobrar entanto dure a situación de baixos ingresos, aínda que a súa contía será axustada no caso de aumento ou perda de rendas laborais ou doutro tipo coas que o IMV é compatíbel.

2. Quen o pode cobrar?

Poden beneficiarse desta prestación as persoas que, estando en situación de vulnerabilidade, integren unha unidade de convivencia, que tamén se mantén cando se teña que separar transitoriamente por razóns de traballo, de estudos ou de tratamentos médicos.

Ademais, tamén se poderán acoller á prestación as persoas que teñan entre 23 e 65 anos e vivan soas, non fagan parte doutra unidade destas características e viviran de forma independente desde unha data anterior en tres anos –como mínimo– á da solicitude. A norma define este concepto como estar de alta no réxime da Seguridade Social durante polo menos doce meses e vivir nun domicilio distinto ao dos proxenitores. Estas condicións non se esixen no caso das vítimas de violencia de xénero ou trata de seres humanos e explotación sexual.

3. Que requisitos hai que ter?

Para acceder ao IMV é necesario contar cunha residencia legal e efectiva no territorio do Estado español, de forma continuada e ininterrompida durante o ano anterior a solicitar a prestación. De novo, este requisito non se esixe ás vítimas de violencia de xénero, trata de seres humanos e explotación sexual e aos menores incorporados á unidade de convivencia por nacemento, adopción ou garda.

O segundo requisito é a situación de vulnerabilidade económica, que o decreto-lei define como a percepción dunha media de ingresos ao mes que sexa, como máximo, inferior en dez euros á cantidade que correspondería cobrar en concepto de IMV en cada caso.

Os ingresos que computan para determinar a situación de vulnerabilidade económica son o patrimonio e os ingresos do exercicio anterior. Non se inclúen como tales as rendas mínimas de inserción das comunidades autónomas (como a Risga) ou outras axudas finalistas que recibiran as persoas solicitantes. En canto ao patrimonio, non se inclúe a vivenda habitual, mais si outras propiedades como bens inmóbeis (edificios, leiras, montes, etc.), contas bancarias e depósitos, participación en plans ou fondos de pensións ou accións de sociedades.

Nesta táboa podes ver os supostos máis habituais:

Patrimonio neto máximo (€/ano)

Adultos/as

1

2

3

Menores

0

16.614

23.260

29.905

1

23.260

29.905

36.551

2

29.905

36.551

43.196

3

36.551

43.196

43.196

4

43.196

43.196

43.196

Para dar resposta á situación excepcional da epidemia de Covid-19, a norma recolle tamén unha vía para pedir o IMV deste ano cando non se cumpran os requisitos económicos en 2019, mais si se cumpran no que levamos de 2020. Esta vía extraordinaria é máis restritiva, porque só se aplica a quen non estea cobrando prestación por desemprego, non superara en 2019 o limiar de patrimonio (consonte á tabela anterior) e non excedera o ano pasado nun 50% os limiares do IMV. Para estes casos, en 2021 a prestación será regularizada, á alta ou á baixa, cos ingresos do total de 2020.

4. Canto se cobra?

Cando a beneficiaria é unha persoa individual, a prestación será mensual e a cantidade será o equivalente ao 100% da pensión non contributiva de cada ano. En 2020, 461,5 euros. E cando os beneficiarios son unha unidade de convivencia, esta contía aumentará en 138,4 euros por persoa, até chegar a un máximo de 1.015 euros.

No caso das familias monoparentais (unha nai ou pai con algún fillo ou filla), fíxase ademais un complemento de 100 euros ao mes. O Decreto-lwi tamén recolle un «posíbel incremento das contías fixadas» cando o custo do aluguer da vivenda habitual sexa superior ao 10% da renda garantida que corresponda, mais aínda está por definir.

A contía do IMV será revisada cada ano coa información dos ingresos do exercicio anterior. Ademais, no caso de mudaren as circunstancias que permiten obter a axuda, a persoa beneficiaria está obrigada a comunicalo nun prazo de 30 días naturais.

Nesta táboa indicamos as contías máis habituais:

Renda garantida

(euros/mes)

Adultos/as

1

2

3

Menores

0

462

600

738

1

700

738

877

2

838

877

1.015

3

977

1.015

1.015

4 ou máis

1.015

1.015

1.015

É importante lembrar que estas contías son máximas. O importe real da prestación será o que resulte de restar do importe teórico do IMV os ingresos correspondentes. Por exemplo, se che corresponde un IMV de 462 euros e os teus ingresos mensuais son de 300, a prestación real será de 162 euros.

O IMV cobrarase mensualmente en 12 pagas.

5. É compatíbel o cobro do IMV con outros ingresos?

Contrariamente a outras axudas, que se dirixen a persoas sen ningún ingreso ou a persoas desempregadas, o Goberno español insiste moito en que a principal cualidade do IMV é a súa compatibilidade con outras rendas, incluídas as do traballo, sempre que non se superen os limiares estabelecidos. Con isto preténdese que chegue a máis xente e desincentivar a economía informal.

Ademais das rendas do traballo, o IMV tamén será compatíbel con axudas sociais de carácter finalista, tales como bolsas ou axudas para o estudo, axudas por vivenda, axudas de emerxencia e outras similares.

A cuestión da compatibilidade entre emprego e IMV é das que presentan máis interrogantes na norma:

Pola particular natureza da prestación, se unha persoa asalariada ou autónoma que percibe o IMV experimenta un incremento ou un descenso das súas rendas do traballo, a prestación axustarase proporcionalmente, en sentido descendente ou ascendente.

Porén, o artigo 8.4 do decreto-lei deseña unha medida correctiva para que a percepción do IMV non desincentive a busca de emprego: cando unha persoa membro dunha unidade de convivencia incremente as súas rendas de traballo, unha parte deses novos ingresos non computarán para o cálculo da prestación. Desta maneira, os ingresos totais finais (rendas do traballo + IMV) deberían algo maiores. Porén, a solución concreta déixase para un futuro desenvolvemento regulamentario, polo que a medida fica como unha mera declaración de intencións.

6. Que vai acontecer coa actual asignación por fillo ou filla a cargo?

A nova é incompatíbel coa asignación por fillo ou filla a cargo, que fica como unha axuda a extinguir e non se poderá solicitar a partir de agora.

En caso de persoas que actualmente teñan recoñecida esa asignación, a Administración valorará de oficio se teñen dereito ao  IMV e, se é superior, seralles concedido, aínda que poderán negarse en 30 días. Se non é superior ou non cumpren as condicións para o IMV, continuarán recibindo a asignación.

7. Como se solicita o IMV?

O IMV pódese pedir a partir do 15 de xuño de 2020 por vía telemática. A Seguridade Social vai habilitar un sitio específico dentro da súa sede electrónica, cun asistente virtual e un simulador.

Tamén pode enviarse a documentación por correo ordinario ou mediante os servizos administrativos dos concellos e a Comunidade Autónoma, aínda que esta última posibilidade aínda non está definida.

Quen solicite o IMV entre o 15 de xuño e o 15 de setembro cobrará de forma retroactiva con efectos desde o 1 de xuño, aínda que veña aprobada máis tarde. Nos outros supostos, cobrarase ao mes seguinte de pedilo.

Coa solicitude hai que presentar esta documentación:

  • Para probar a identidade: carné, libro de familia ou certificado de nacemento.
  • Para probar a residencia legal en España: inscrición no rexistro central de persoas estranxeiras, tarxeta de familiar de cidadán da Unión Europea ou autorización de residencia.
  • Para probar o domicilio: certificado de empadroamento.
  • Para probar a existencia da unidade de convivencia: certificado de empadroamento ou libro de familia, certificado do rexistro civil, ou inscrición no rexistro de parellas de feito.

Non é necesario presentares certificados de ingresos ou de patrimonio. Esa comprobación faina de maneira automática a Seguridade Social consultando as bases de datos de Facenda.

A solicitude resolverase en tres meses. Se non houber resposta nese tempo, entenderase que foi denegada (silencio administrativo negativo).