A CIG consolida a súa maioría no grupo EVS Norte malia as actuacións antisindicais da empresa
A CIG vén de gañar, por terceira vez consecutiva, as eleccións sindicais celebradas en Canarga, ao obter os tres representantes que se elixían. Con este resultado, a central consolida a súa maioría no grupo EVS Norte -con presenza nos sectores da construción e o transporte-, malia as manobras antisindicais da empresa.
A FCM-CIG da Coruña salienta o apoio á candidatura da CIG nun proceso electoral que chega despois "dun convulso mandato" que comezou co despido dun dos representantes sindicais, "en base a falacias, que finalmente gañou a nulidade no TSXG". Agora, novamente, "a dirección despediu un dos candidatos da CIG en liza, mais non foi quen de evitar unha contundente vitoria da CIG, que logrou impoñerse de novo aos brutais ataques antisindicais tan propios da dirección".
O TSXG confirma a vitoria en Transportes Vasa Norte
De xeito coincidente, acaba de ditarse sentenza do TSXG confirmando a sentenza de primeira instancia do xulgado do Social da Coruña que desestimaba o recurso interposto pola dirección da empresa contra o proceso electoral celebrado hai xa ano e medio na empresa de transportes do grupo, Transportes Vasa Norte SA.
Nese proceso, "a dirección tamén tentou todo tipo de argucias" para botar abaixo as eleccións e evitar que a CIG se fixera coa representación sindical na empresa, "mais finalmente faise xustiza e consolídase o resultado electoral que outorgou un representante á CIG".
EVS debe desistir da súa conduta antisindical
A FCM-CIG agarda que esta serie de reveses que está recibindo a dirección de EVS Norte "faga reflexionar e desistir de xudicializar a interlocución social na empresa" e que cese na conduta antisindical "que vén despregando desde que hai máis dunha década o persoal do grupo se organizou coa CIG na defensa do seus dereito; algo completamente inaceptábel en ningunha empresa pero moito menos nunha que está sentada en postos destacados en APECCO, a patronal provincial do sector".